· Unha vez máis os deputados populares deixaron patente a súa actitude de desprezo na sesión plenaria de hoxe marchando do hemiciclo para non escoitar aos afectados polas preferentes
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2012.- O Grupo Parlamentario de Alternativa de Esquerda denuncia o absoluto desprezo manifestado polos deputados do Partido Popular contra toda a cidadanía que se fixo patente na sesión plenaria de hoxe cando os afectados polas preferentes interrumpiron a sesión tras escoitar as falsedades do Conselleiro de Economía e Facenda en relación as actuacións que se están a levar a cabo para resolver o problema das persoas que sufriron a fraude das participacións preferentes.
“Os deputados do PP non só minten e pretenden tratarnos de imbéciles a todos os galegos e galegas senón que ademáis néganse incluso a escoitar abandonando o hemiciclo cando os afectados únicamente estaban a trasladarles a súa indignación e desesperación ante unha situación que está afogando a milleiros de familias no noso país” suliñaron desde o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda.
A actitude de desprezo, soberbia e falta de sensibilidade social e ética que están a manter os membros do goberno galego co seu presidente á cabeza únicamente están a provocar máis indignación na cidadanía do común que non ten outra saída que a rebelión cívica para loitar contra os constantes ataques que están a sufrir por parte dos que están no goberno.
O acontecido na sesión plenaria de hoxe no Parlamento de Galicia é unha mostra máis da situación de caos que están a provocar desde o Partido Popular e que está afectando a todos os sectores sociais sen excepción.
O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda quere manifestar o seu total apoio e solidariedade cos afectados das preferentes e comprométese a facer que a voz da cidadanía do común se escoite no Parlamento Galego ainda cando o PP trate por todos os medios que están ao seu alcance de silenciar tanto á oposición como a toda a cidadanía galega.