Contra a desmemoria

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de se comprometer cos colectivos de memoria a contribuír “a romper o muro de silencio e amnesia” no Parlamento. Esta mañá, a viceportavoz do grupo parlamentario, Yolanda Díaz, e o deputado Xabier Ron xuntáronse na Casa da Asociacións de Cormes, en Santiago de Compostela, cunha ducia de membros da Iniciativa Galega pola Memoria e acordaron que AGE, xuntos cos outros partidos da oposición, axudará a que a Cámara galega vire en “altofalante da memoria histórica”. “Trátase de levar ao Hórreo”, explica Ron, “mediante un traballo constante, iniciativas que loiten contra a desmemoria que tanto interesa á dereita deste país”. Conseguir que o Parlamento de Galicia condene unanimente a ditadura franquista será un deses obxectivos.

A Iniciativa Galega pola Memoria defínese como “un punto de encontro de diferentes asociacións, colectivos e persoas que están a traballar pola recuperación da memoria histórica en Galicia”. Fan parte dela máis de corenta agrupacións de todo o país e entre as súas finalidades atópanse a elaboración dunha lei da memoria específica de Galicia, potenciar a atención ás vítimas directas do franquismo ou a promoción do estudo e a investigación do pasado recente.

Relacionados