eu.gif - 5.78 Kb

Contra a Lei de Montes de Galicia

 

O Goberno do PP na Xunta de Galicia pretende aprobar unha Lei de Montes que está a contar con un grande rexeitamento por parte da comunidade de montes veciñais.

 

Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o caracter productivista e insustentábel do borrador da Lei de Montes que converterá ao monte galego nunha pouco rendíbel fábrica de madeira deixando de lado un aproveitamento forestal sostible ambiental e socialmente. Así no borrador da dita lei non se contempla a potencialidade do aproveitamento multifuncional do monte nin o seu valor en canto á biodiversidade, definindo como o seu obxectivo básico o incremento da masa arborada. Permitindo, incluso, a forestación de terras agrarias, o que ten especial relevancia nun momento no que a lóxica da soberanía alimentaria e a sostibilidade ambiental, indícannos que o camiño a seguir debería ser o de recuperar a producción agrícola e o comercio local como alternativa á situación económica e ambiental actual, reducindo a nosa dependencia enerxética e alimentaria do exterior e as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) causantes do cambio climático. Xa que logo, poderíamos chamarlle lei forestal máis que lei de montes.

 

Os ecosistemas forestais deben xestionarse de xeito integrado. Xestión conxunta de flora, fauna e medio físico, coa finalidade de conseguir un aproveitamento sostible dos recursos naturais, establecendo garantías para a preservación da diversidade biolóxica e o mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais.

 

O responsable de medio ambiente de EU, Lino C.Vila, advirte que esta lei de montes contempla tamén a entrada de capital privado coa creación das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), que son entidades de dereito privado suxeitas a regulación mercantil. Si a isto lle sumamos a posibilidade de forestar as terras agrarias, nos atopamos con que a verdadeira vocación desta Lei de Montes é poñer os montes nas mans das empresas adicadas á producción de biomasa e de pasta de papel.

 

Por todo isto, a executiva nacional de Esquerda Unida chama a cidadanía a participares na manifestación do vindeiro sábado 9 de xuño ás 12:00 h. Que partirá da estación do tren de Santiago de Compostela convocada pola ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común).

Relacionados