Contra a suba do billete de bus

Esquerda Unida, no caso de ter responsabilidade de goberno, comprométese a non subir o prezo do bus até o fin da crise. Xa temos denunciado en máis dunha ocasión o caro que é o servizo. O pasado 4 de novembro xa anticipabamos o estudo comparativo da FACUA, se ben o noso alcalde aínda non anunciara a suba do servizo escudándose na blindaxe do seu contrato, apesares de que o servizo ofertado é insuficiente e de baixa calidade, dado que a os polígonos próximos obrigan ao uso de transporte privado e as frecuencias desaparezan en determinadas horas do día.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón a aplicación do billete único progresivo en función da renda da unidade familiar para cohesionar socialmente a cidade e promover a mobilidade sostible, así os coruñeses pagarían o prezo do primeiro traxecto segundo a súa capacidade económica e o resto do día tan só un 10% do pagamento inicial en cada viaxe.

Semella lóxico defender un transporte público colectivo de calidade, eficiente e económico para que a cidadanía faga un uso masivo del, sen que isto implique seguir a lle outorgar beneficios á empresa concesionaria. O concello debera tomar exemplo a outras cidades españolas, onde o transporte público é gratuíto para persoas desempregadas de longa duración, pero non en base de outorgar subvencións millonarias a concesionaria senón a través dunha negociación que relaciona o incremento do número de viaxes coa redución do custo por viaxeiro para a empresa.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os servizos municipais deben rexerse en base á cohesión e o benestar social, non  por criterios economicistas, polo que o seu incremento non pode ser en función do IPC, senón que debe ser segundo a capacidade económica da veciñanza polo que apostamos por utilizar como índice o Salario Mínimo Interprofesional para que ningún coruñés se quede atrás”. Abraia observar que mentes o billete do bus sube ata os 1,30€ (bono-bus ata os 0,85€), o SMI queda conxelado en 645€. Os nosos gobernantes volven a demostrar como fan recaer as consecuencias da crise sobre a maioría social agredida, defendendo os intereses das grandes empresas.

Relacionados