O Goberno do Partido Popular a través deste decreto condena o Concello de Compostela, entre moitos outros, a suprimir e despedir empregados públicos e a aumentar impostos á veciñanza.
Baseándose na falacia da débeda municipal, cando esta é mínima en comparación con outras administracións, a través deste decreto impón duros recortes a administración local e ataca á democracia municipal, devolvéndonos, paseniñamente pero sen pausa, ao modelo da longa noite de pedra da ditadura franquista.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela oponse a este decreto, que o mesmo Consello de Estado considera que pode ser inconstitucional, e que supón, entre outras cousas, o debilitamento dos municipios a prol das deputacións, entidades de representación indirecta, cuxos responsables non son votados pola cidadanía.
Para María Rozas, responsable de Economía e Facenda do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, este decreto lei do goberno de Rajoy supón “un novo desvalixamento dos concellos, converténdoos en meros entes administrativos, sen ningunha competencia, nin capacidade de acción”.
“Este decreto supón unha intervención total no Concello que se verá obrigado a endurecer as medidas do seu plan de axuste xa abusivas para a veciñanza de Santiago. Redución do gasto, eliminar máis empregos públicos e aumentar aínda máis as taxas e impostos de todos os servizos públicos. As veciñas e veciños de Santiago deberemos pagar o custo íntegro dos servizos (escolas infantís, transporte público, sanidade, servizos sociais, etc). O que, por suposto, entraña a supresión de determinados servizos públicos e a consecuente privatización”.
Ademais, o decreto, no seu artigo 26g, establece outra labazada á democracia municipal, argallando que o orzamento, se non é aprobado no pleno, pode ser aprobado pola Xunta do Goberno Local, polo que en vez de debater e consensuar o orzamento cos outros grupos políticos, pode ser aprobado de forma unilateral.
Unha vez máis temos que lamentar que a mala xestión do Concello de Santiago, demostrada no elevadísimo volume de facturas pendentes de pago, hipoteca a vida da veciñanza obrigándonos a pagar máis que outras cidades galegas polos mesmos impostos e servizos públicos.