O grupo parlamentario presenta nove propostas para facer fronte a unha realidade, en palabras de Xan Duro, “que non é unha quimera, senón algo que xa está aquí, en Galicia”.
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2013.- “Queremos suscitar un debate importante para o país e para o planeta, porque esta non é unha crise conxuntural, senón do sistema”. A partir desta consideración, formulada polo deputado Antón Sánchez, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de presentar unha proposición non de lei [no arquivo anexo] no Parlamento de Galicia para que a Xunta de Galicia adopte xa medidas para frear as consecuencias do cambio climático. “Non é unha quimera, senón unha realidade que xa está entre nós”, explicou Xan Duro, membro de Espazo Ecosocialista, a organización integrada en AGE que elaborou o texto das nove propostas para que o Goberno galego actúe xa.
“O primeiro é mudar unha estrutura de consellerías que é aberrante”, expuxo Sánchez en rolda de prensa, “hai que separar Medio Ambiente de Infraestruturas xa”. Ademais, engadiu Duro, unha nova consellería encargada de temas medioambientais debera ter rango para fiscalizar a todo o Goberno. Unha Lei contra o Cambio Climático, un programa de aforro e eficiencia enerxética, un plan de implantación xeralizada de enerxías renovábeis, políticas fiscais verdes, un plan de mobilidade sustentábel, o peche de Sogama, a promoción da denominada agricultura de kilómetro 0 e unha aposta pola educación ambiental son, resumidamente, as liñas de forzas da proposición rexistrada por AGE na Cámara galega.
Xan Duro debuxou a paisaxe climática á que se enfronta, xa, Galicia. “A diminución de días fríos no outono e o aumento de días cálidos na primavera”, afirmou, “produce unha redistribución das chuvias que, por exemplo, afectan ao risco de incendios”. Tamén o afloramento nas rías –as correntes de auga que se responsabilizan da súa fertilidade- baixou nun 45%, nun fenómeno vencellado ao descenso na frecuencia do vento nordés. “Os custes como sociedade que suporán non se enfrontar ao cambio climático”, aduciu Duro, “son moi superiores a adoptar estas medidas”. A viceportavoz parlamentaria de AGE, Yolanda Díaz, que acompañou a Duro e a Sánchez na presentación da proposición, afirmou que Alternativa “loita por cambiar o modelo produtivo deste país”.