Contra o fracking

O grupo parlamentario, a través do seu deputado Antón Sánchez, quere que Galicia non aplique esa técnica de extracción de gas natural, cuestionada por científicos e ecoloxistas e prohibida en numerosos Estados europeos.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2013.- O fracking é unha perigosa técnica, para as persoas e para o medio ambiente, de extracción de gas natural. Tan perigosa que Estados como Irlanda, Canadá ou Francia prohibírona e Australia, Bulgaria ou Sudáfrica estabeleceron unha moratoria. Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dunha proposición non de lei presentada en comisión polo seu deputado Antón Sánchez, acadou o apoio de todas as forzas políticas con escano no Parlamento para instar á Xunta a “acordar unha moratoria” na súa utilización “mentres non se garanta a súa seguridade e inocuidade para o medio ambiente e as persoas a través dunha lexislación que a desenvolva”. O texto aprobado foi froito dunha emenda de substitución transaccionada que finalmente subscribiron os catro grupos da Cámara.

O fracking consiste en fracturar as rochas a gran profundidade –entre dous e cinco quilómetros- mediante a inxección de grandes depósitos de auga e de area con diversos produtos biotóxicos. As grandes corporacións que empregan a técnica néganse a concretar a composición dos mesmos, pero o certo é que dos miles de litros de auga usados, só se recuperan entre o 50% e o 70%. O resto queda depositada nas entrañas da terra e pode afectar aos acuíferos. Algúns países mesmo detectaron efectos sísmicos debido a esta maneira de extraer gas. Apostar por esta controvertida técnica, cuestionada por técnicos, ecoloxistas e científicos, supón, en palabras de Antón Sánchez, “unha marcha atrás no camiño das enerxías renovábeis”. A vía dos combustíbeis fósiles, que as grandes compañías eléctricas parecen defender ao se valer do fracking, significa, conclúe Sánchez, “un intento de prolongar o pasado no canto de encarar o futuro”.

Relacionados