Esta proposta sería un novo ataque do Partido Popular ás mulleres e aos seus dereitos reprodutivos e sexuais.
Esquerda Unida manifesta o seu rexeitamento ás modificacións nos tratamentos de reprodución asistida onde se discrimina ás mulleres lesbianas ou solteiras. Polo que semella nas novas condicións para os tratamentos de reprodución asistida as mulleres seremos discriminadas explicitamente por razóns de orientación sexual ou estado civil. Podendo só beneficiarse dos tratamentos públicos aquelas mulleres que teñan unha relación de parella heterosexual.
Parece que o Partido Popular quere, unha vez máis, impoñer a súa concepción de familia á sociedade, á formada por un home e unha muller, excluíndo ás mulleres lesbianas ou solteiras da carteira de servizos públicos de tratamentos de reprodución asistida.
O Ministerio de Sanidade alega a falacia de que as condicións para acceder aos tratamentos serán estritamente médicas, debendo ter as mulleres un diagnostico de esterilidade. O corte ideolóxico, homofóbico, machista e patriarcal destas teses é innegable. As mulleres, sen problemas de fertilidade, que manteñan unha relación heterosexual terán acceso a un tratamento de reprodución asistida, mentres as mulleres que non estean emparelladas cun home non.
Nunha situación onde, as mulleres demoramos cada vez máis a maternidade, e as condicións para selo, son complicadas: aumento das, xa elevadas, taxas de desemprego e emprego precario feminino; de recortes en servizos sociais, escolas e comedores infantís; a inexistencia de medidas de conciliación laboral e familiar, etc. Preténdese, ao contrario das medidas adoptadas polos países da contorna, reducir a idade para a inseminación artificial co semen da parella aos 38 anos. Deste xeito acométese tamén unha grave discriminación económica. Para algunhas mulleres, a maternidade converterase nun luxo que só poderán permitirse as que teñan os recursos económicos para asistir a un centro privado.
Dende Esquerda Unida consideramos que a situación actual dos tratamentos de reprodución asistida xa é deficiente. As listas de espera para os tratamentos ponde ser de varios anos. Ademais aplícanse diferentes criterios nas Comunidades Autónomas, dando lugar a profundas desigualdades e discriminacións, sobre todo nos casos das mulleres lesbianas.
María Rozas, responsable nacional da secretaría de igualdade de Esquerda Unida manifesta que “esta medida é claramente homófoba, porque limita os dereitos reproductivos só ás mulleres heterosexuais, e androcentrista porque limita os dereitos reproductivos ás mulleres con parella masculina impedindo que mulleres soas poidan ser nais” Os continuos ataques os dereitos reprodutivos e sexuais das mulleres están a ser sinal de identidade do Goberno do Partido Popular. A modificación retrógada da lei do aborto, a supresión de financiamento pública de anticonceptivos usados por máis de un millón de mulleres no estado, o desmantelamento dos COF; e agora a posible reforma nos tratamentos de reprodución asistida.
Co todo isto, a deputada de AGE, Eva Solla vén de presentar no parlamento galego unha pregunta oral dirixida á consellería na que pide que se posicione nesta materia:
Queremos saber se esta Consellería considera que todas as mulleres deben ter os mesmos dereitos reproductivos independentemente da súa opción sexual, situación de parella ou ter xa descendencia, accedendo a eles na sanidade pública ou pola contra, defende a homofobia practicada dende o PP ante os dereitos reproductivos e a liberdade sexual vulnerando a constitución na que se recolle que todas as cidadás temos os mesmos dereitos.