En concreto se están a suceder nestes días diferentes convocatorias dos sindicatos de clase para artellar forzas contra un ataque sen igual dende a fin da ditadura franquista, e a nosa organización vai participar e apoiar as diferentes iniciativas no convencemento que suman esforzos a prol dun obxectivo común que é xusto.
Chamamos a participar ao conxunto da cidadanía, porque o ataque é contra a maioría social traballadora, cun especial acento na nosa comarca, a que se somete a dilacións e asfixias no tema de garantir nova carga de traballo e os novos investimentos produtivos ( caso do dique flotante ) para os estaleiros públicos de Ferrolterra.
Esquerda Unida vai repartir este venres de madrugada material informativo chamando a mobilizármonos contra o golpe de Estado no mundo do traballo nos estaleiros públicos de Bazán e Astano, para alimentar unha dinámica que coidamos indispensable fornecer: a da loita e organización das traballadoras e traballadores na defensa dos nosos dereitos. Dinámica que ten que desembocar nunha xeira de mobilizacións xerais e sostidas ate derrotar este órdago do capital e os seus capataces.
Esquerda Unida participará nas mobilizacións do día 19 cunha faixa propia e repartirá material informativo coas nosas reivindicacións para achegar á sociedade as razóns e xustiza das mobilizacións que se convocan contra a política do Goberno do PP, Goberno de palla de banqueiros e patronal.
A nosa organización chama a desenvolver as loitas co máximo grao de unidade para achar deste xeito as forzas suficientes que permitan derrotar este Golpe de Estado contra as clases traballadoras. Nese alento de traballo e acción unitarias, Esquerda Unida compromete o seu traballo e influencia social.