Contra o peche da CABES

A Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES) é un espazo hoxe xa considerado polo sector social imprescindible. As asociacións que velan polo benestar social e que favorecen a igualdade de oportunidades teñen na CABES o seu espazo onde atender ás persoas que veñen a solicitar a súa axuda.

Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela entendemos que un espazo así, en tempos en que as necesidades das persoas se ven incrementadas día a día polo abafante clima de recortes, non pode pechar as súas portas. E isto semella que é o que pode acontecer durante o mes de agosto.

Se a xustificación é aforrar o salario necesario para que o centro se manteña aberto durante o mes de agosto, resultaría aínda máis anoxante, considerando os gastos superfluos nos que se embarca o Concello de Compostela.

O peche da CABES prexudica aos colectivos ao atrancar, de forma clara, a atención ás persoas que acoden a solicitar información e axuda. As asociacións e as persoas que dependen delas precisan de estabilidade. Lembremos que a Asociación de Xordos, por exemplo, mantén un servizo de intérpretes nesas dependencias.

Que quere o Concello? Que trasladen por un mes todos os seus arquivos, expedientes e demais información? Non podemos esquecer que durante o mes de agosto as asociacións poden recibir un requirimento de documentación por parte da administración e se a CABES está pechada resulta obvio que non poderían atender dito requirimento.

En tempos de naufraxio, a igualdade de oportunidades debe ser prestada de forma plena pola administración pública. Xa resulta claro que son as asociacións de todo tipo as que atenden as necesidades dos colectivos máis desfavorecidos. Mais, por riba, que sexa a administración pública a que lle poña atrancos merece toda a nosa repulsa.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela entende que o departamento dos servizos sociais, do benestar social do Concello non funciona como deberan funcionar. Estanse producindo movementos de persoal dos servizos sociais para outros servizos municipais e preguntámonos as razóns. Isto pon en perigo o mantemento de certos servizos.

Esiximos que non se suprima ningún servizo e que, na medida do posible, se poñan en marcha os mecanismos precisos para que durante o mes de agosto as necesidades das persoas se vexan atendidas de forma plena polo Concello de Santiago.

Relacionados