Contra o traslado do Granell

A CdC segue a deixar patente a improvisación do PP, PSOE e BNG tanto a nivel local como autonómico, pois a día de hoxe son constantes as propostas dos distintos partidos para darlle contido a un continente que hipoteca o futuro cultural nun enlousamento megalómano de custes desorbitados.

A última ocorrencia do PP local, que semella contar co beneplácito do PSOE e BNG, é a de favorecer o traslado do museo Granell dende o Toural a este mausoleo, mais EU Compostela quere manifestar o seu rexeitamento a dito traslado que incide, e con apoio institucional, no baleiramento cultural que sofre a cidade.

A nosa cidade e o tecido cultural de base só coñece peches de experiencias que aproximaban a cultura aos veciños e veciñas: a sala Galán, a sala Yago, e máis recente, a sala Nasa. 

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifesta o seu compromiso cunha cultura de base que non necesita de grandes construcións nin magnas subvencións, senón o apoio das distintas Administracións Públicas para poder saír a rúa ou levarse a cabo en pequenos espazos achegados á cidadanía. 

Por suposto, de producirse o erro de trasladar o museo Granell á CdC, o que EU Compostela non tolerará é que un novo edificio público quede baleiro na cidade sen que se lle dea unha utilidade en beneficio da cidadanía.

Relacionados