Contra os lumes

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda anima a toda a cidadanía galega a participar o vindeiro domingo 29 de setembro na gran manifestación convocada pola Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais que baixo o lema “Por unha política forestal sostible. Servizo único público e profesional. Non máis lumes” reclamarán á Xunta de Galicia que escoite á sociedade e leve a cabo unha política forestal seria e axeitada.

Organizacións sindicais, comités de empresa públicos e privados que traballan nas tarefas de extinción, colectivos profesionais, ecoloxías e de montes, representantes políticos entre os que estarán os deputados de Alternativa Galega de Esquerda, e a cidadanía en xeral, recorreran as rúas de Santiago de Compostela para denunciar a fragmentación dun dispositivo tan necesario para este país e que xa non só representa un problema laboral, senón que afecta directamente ao conxunto da sociedade galega despois de se ter demostrado, desgraciadamente un ano máis, o fracaso da xestión forestal, na ordenación do territorio e no medio rural e na planificación da prevención de incendios por parte do goberno galego,

Alternativa Galega de Esquerda ante a gravidade da situación e o que supón para o noso país, anima a toda a cidadanía a participar na manifestación que arrancará o vindeiro domingo ás 12.00 horas desde a estación de tren de Santiago de Compostela en defensa dos nosos montes e para esixir que senten as bases dun cambio de modelo imprescindible para o noso país.

Relacionados