Contra os recortes en Elviña

A iniciativa comezou hai un ano por parte dos traballadores do centro para denunciar que non se están a cubrir as baixas e posteriormente os usuarios uníronse para reivindicar a escaseza de persoal no centro. O grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes apoia e difunde a concentración de persoal e usuarios do centro de saúde de Elviña contra os recortes en sanidade que se celebrará mañá xoves ás 11:00h no centro de atención primaria de Elviña.

As medidas adoptadas polo Goberno central do PP para o aforro na Sanidade Pública e apoiadas polo goberno galego supoñen unha agresión á equidade e ao precario estado de Benestar do noso país. As esixencias de novos recortes e as tradicionais tensións financeiras da sanidade pública, resolveunas o goberno do PP mediante medidas de profundo carácter antisocial.

A modificación do repago farmacéutico, facendo que os pensionistas paguen ata un máximo de 18 euros ao mes, supón unha taxa para os máis doentes e os que máis necesitan da sanidade pública. Pode inducir a falta de cumprimento terapéutico e aumentar as visitas a urxencias e as hospitalizacións e non garante unha recaudación importante. Por outra banda, tendo en conta que ao redor do 75 % das pensións son iguais ou inferiores a 1000 euros e que debido aos máis de 6 millóns de parados as pensións constitúen o único ingreso de moitas familias, supón un recorte máis.

A eliminación da asistencia sanitaria para os inmigrantes non regularizados, é inxusta, ademais de insolidaria cos máis desfavorecidos. É unha medida demagóxica porque pretende facelos, xunto ás persoas maiores, responsables do déficit sanitario, cando existen xa moitos estudos publicados, de como os inmigrantes aportan ao noso país moito máis do que reciben e utilizan os recursos sanitarios en igual ou menor medida que os cidadáns españois.

Ademáis a exclusión de máis de 400 medicamentos da cobertura sanitaria, repago farmacéutico, repago en prótesis, repago en dietoterapia ou repago en transporte sanitario non urxente son algúns dos exemplos das numerosas medidas regresivas adoptadas polo Goberno de Rajoy.

Esquerda Unida considera que a sanidade é un dereito e non un privilexio, unicamente dende a defensa dunha sanidade pública de calidade pódese garantir o acceso para toda a cidadanía. Avogamos por unha utilización eficiente e de calidade dos recursos públicos e por un financiamento real que se base en medidas fiscais. Os problemas de financiamento do sistema sanitario débense atallar mediante unha reforma do imposto da renda facéndoo máis progresivo, a reforma do imposto de sociedades, a recuperación para todo o ámbito estatal do imposto de patrimonio e a loita contra o fraude fiscal, en lugar de ofrecer unha amnistía aos defraudadores, que é o que fixo o goberno.

As medidas tomadas ata o momento están a deteriorar a sanidade pública e  afectan aos máis desfavorecidos da nosa sociedade: os pobres, as persoas maiores e aos enfermos. E dende o noso punto de vista, son un “test do actual goberno do PP para a adopción das novas medidas xa enunciadas (sacar do Sistema Nacional de Saúde aos sectores mais ricos e fomentar a contratación de seguros privados que desgraven, recortes de prestacións sanitarias, novos repagos asistenciais, etc.) que poden acabar coa universalidade e a equidade do Sistema Nacional de Saúde.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “participaremos na concentración porque o acceso gratuíto á sanidade é un dereito universal, por iso apoiamos e apoiaremos calquera mobilización contra os recortes en sanidade

Relacionados