Contratación a dedo das pasarelas

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal estase a saltar a lei coa contratación a dedo do arranxo das pasarelas peonís por un importe de 481.512 €.

A lexislación establece que so pode contratarse por procedemento negociado cando se xustifique debidamente que a licitación por procedemento aberto resulte inconveniente ou infactible, porque este procedemento supón grandes limitacións aos principios de publicidade e concorrencia. Así na contratación a dedo, como se coñece coloquialmente, o Concello selecciona ao seu libre arbitrio un conxunto de candidatos a contratar, consulta e negocia con eles as condicións do contrato e elixe finalmente ao que considera máis conveniente. Os expertos na materia recoñecen a ampla discrecionalidade que supón esta práctica.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que os cinco meses que pasaron dende a licitación até a adxudicación demostra que o argumento de urxencia era unha coartada para contratar a dedo. O contrato foi publicado no perfil do contratante o 24 de abril e a adxudicación é do 16 de setembro, así o propio goberno local desbota o argumento da urxencia na contratación, unha coartada que EU xa denunciou como falaz e insustentable o 22 de abril, logo de estudar a documentación da xunta de goberno local, pois resultaba paradigmático esa repentina urxencia para contratar, mentres o tardaron ano e medio en analizar a situación das 16 pasarelas. En setembro de 2011 xa denunciamos dende EU a situación de distintas pasarelas da cidade e en novembro de 2011 preguntamos en sede plenaria, ao que o goberno municipal respondeu que era coñecedor desa situación e que estaban estudando solucións.

A Lei de contratos do sector público contempla este tipo de contratación para casos moi concretos, dende urbanismo apelan falazmente á urxente necesidade polo interese público xa que de demorarse as actuacións poderían incrementarse os custos. Este argumento non se sustenta, pois a Lei obriga a publicitar calquera contratación por procedemento negociado que supere os 200.000 € como é o caso, o que practicamente iguala os tempos cun procedemento aberto, asemade calquera que visite as pasarelas poderá observar que nada acontece no caso dun pequeno atraso.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ”este é un claro exemplo de `dedazo´para favorecer a unha empresa amiga, pois unha contratación por procedemento aberto resólvese nun par de meses, polo que non ten sentido apelar á urxencia para utilizar procedemento negociado e tardar 5 meses”.

A propia intervención municipal pon reparos a esta contratación e advirte que hai unha incongruencia no proceder ao declarar a urxencia na súa tramitación, sinalar un prazo de execución de catro meses pagar a conta do orzamento do 2013 204.000 € e demorar 307.00 € ao próximo exercicio, contradecindo a propia Lei de morosidade.

 

Relacionados