Contratación a dedo

O modelo de contratación do PP, nin é transparente, nin tampouco participativo por moito que se compare coa arbitraria política de contratación desenvolvida polo PSOE durante décadas.

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal outorga outro contrato a dedo a mesma empresa á que lle adxudicou o mantemento de pasarelas que denunciamos a semana pasada. Unha contratación que até recibiu reparos da propia intervención municipal. Nesta ocasión trátase dun novo procedemento negociado para executar as obras de pavimentación e impermeabilización da praza situada entre a Avda. dos Maios e a rúa Filipinas que finalmente adxudicouse por un importe de 242.000 euros.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes alerta que no mes de setembro a empresa Arias Hermanos construcións S.A., recibiu dúas adxudicacións a dedo por un importe de preto de 800.000 €.

O goberno local afirma que utiliza o procedemento negociado para axilizar o trámite pola súa urxencia mais tarda máis de catro meses dende que recibe as ofertas até que adxudica, o que demostra que non existe tal urxencia e que non deixa de ser unha triquiñuela para poder contratar coas súas empresas “amigas”, posto que a licitación publicouse o 24 de abril e a adxudicación é do nove de setembro.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o PP di que non ten empresas amigas, pero o certo é que so ás empresas que reciben información de antemán teñen tempo suficiente para presentar as súas ofertas nos cinco días de prazo que permite o procedemento negociado por urxencia.

Non é de recibo que o PP determine a urxencia do procedemento para acurtar de dez a cinco días o prazo de presentación de ofertas e tarde máis de catro meses na valoración das mesas.

César Santiso indicou que “o goberno do PP pretende facer crer á cidadanía que se pode deseñar e valorar o arranxo dunha praza en cinco días, os técnicos consultados avalan a imposibilidade de presentar en tan corto espazo de tempo unha oferta”.

Relacionados