Contrato entre Sogama e Fenosa

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia que o contrato de subministro eléctrico entre Sogama e Fenosa é lesivo para a cidadanía. “Debido á supresión das primas á renovábeis realizada por Rajoy”, explica Sánchez, “xa non é rendíbel vender a enerxía que xera Sogama. Mentres, a empresa pública paga á Fenosa pola enerxía consumida nas instalacións da planta de xestión de residuos”. Para Antón Sánchez, “o contrato adxudicado por Sogama en maio do 2012 só beneficia actualmente a Unión Fenosa, polo que debe ser modificada e revisada a estratexia enerxética da empresa. Por decisión de Rajoy o que no 2011 foi presentado por empresa e Xunta como un gran negocio (vender electricidade e pagar polo consumo) é hoxe unha ruina”.

“Non pode xustificarse a suba do 33,5% do cánon de saneamento no novo réxime tarifario eléctrico cando foron decisións contractuais da Xunta do PP”, engade, “e da empresa as que levaron á situación actual, que só beneficia a Unión-Fenosa”. A partir da entrada en vigor do RD 661/2007 -de primas ás enerxías renovables é á coxeneración- Sogama decidiu, en 2008, vender a electricidade producida a un prezo elevado, dada a prima que levaba aparellado. Mentres, a planta adquiría no mercado a electricidade para o seu consumo, ao ser esta máis barata que o prezo de venda da enerxía producida na planta. E así foi. En decembro de 2008 apróbase o primeiro expediente de contratación para o consumo propio de electricidade, adxudicado, naturalmente, a Union-Fenosa. Posteriormente, en xullo de 2010 -co PP na Xunta-, valídase a primeira prórroga do contrato. En setembro de 2011 a segunda prórroga, ate maio de 2012 [1].

O actual contrato de suministro con Union-Fenosa é o de “suministro de enerxia eléctrica para os consumos dos servizos auxiliares das instalación do complexo medio-ambiental de Cerceda” [2], adxudicado en maio de 2012 a Union Fenosa Comercial [3] por importe de 17.526.764,15 €. O expediente de contratación foi autorizado polo Consello da Xunta en decembro de 2011, e presentado por Sogama como unha “operación económicamente rendíbel para esta sociedade pública”, porque o prezo que pagaría pola electricidade sería menor ao prezo de venda da enerxia eléctrica producida na planta[4]. A duración do contrato é de tres anos (mais unha prórroga automática dun ano máis). No prego do contrato figura que o prezo estará formado por dous termos, o prezo medio do mercado máis unha porcentaxe do 75% da prima de referencia de instalación (grupo a.1.1 do RD 661/2007 [5]). No contrato tamén se recolle unha revisión de prezos do contrato que lle garante a Union-Fenosa unha modificación do prezo se a prima de referencia se revisa por parte da administración. En consecuencia, no contrato Sogama pagaría polo suministro eléctrico o prezo de mercado máis un 75% [6] da prima das renovables. Tal recargo carece de xustificación.

Pero o RDL 2/2013, de 1 de febrero, suprimiu as primas ás enerxías renovables (ver Anexo 1), polo cal, e de acordo co contrato, o prezo será agora o medio do mercado (fixado polo operador do mercado ibérico da enerxía-Polo Español S.A; ver Anexo 2). Ou sexa, como consecuencia do RDL 2/2013 o prezo da enerxía consumida vai ser menor, ao suprimirse a prima, pero o impacto económico para Sogama é peor. Á enerxia producida por Sogama (e vendida ao mercado) tamén se lle suprime a prima. Ou sexa, o kw consumido por Sogama non leva o recargo do 75% da prima das renovables, pero o kw vendido por Sogama non leva o recargo da 100% da prima.

Así, o que tanto Sogama e o Goberno do PP da Xunta foi presentado no 2011 coma un gran negocio, a supresión das primas ás renovables acordada polo Goberno de Rajoy convérteo actualmente nun negocio desastroso. E, por riba, o contrato, asinado no 2012, pouco máis de medio ano antes do RDL 2/2013, obriga a Sogama a manter o contrato con Union Fenosa durante tres anos, cando economicamente seria agora máis rendíbel que a enerxia eléctrica producida en Sogama se autoconsumise na propia planta. Coa supresión das primas o contrato vixente é manifestamente lesivo para Sogama, polo que debe ser revisado.

[1] http://www.sogama.es/es/noticia/el-consello-de-la-xunta-valida-la-segunda-prorroga-del-contrato-de-compra-de-energia-electri

[2] http://www.sogama.es/sites/default/files/perfilcontratante/2012/01/3717_suministro-de-energia-electrica-para-los-consumos-de-servicios-auxiliares-de-las-instalaciones-del-c.pdf

[3] A mesma entidade que o contrato anterior do 2008.

[4] http://www.sogama.es/es/noticia/el-consello-de-la-xunta-autoriza-sogama-por-un-importe-cercano-los-21-millones-la-compra-de-

http://www.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=346877&name=DLFE-13324.pdf

[5] Cogeneraciones que utilicen como combustible el gas natural, siempre que éste suponga al menos el 95 por ciento de la energía primaria utilizada, o al menos el 65 por ciento de la energía primaria utilizada cuando el resto provenga de biomasa y/o biogás en los términos previstos en el anexo II; siendo los porcentajes de la energía primaria utilizada citados medidos por el poder calorífico inferior.

[6] Na oferta presentada por Union-Fenosa o recargo é do 74,98%. Unha gran “rebaixa”.

Relacionados