Contrato Pop Rock

Esquerda unida denuncia que o goberno municipal esquiva a lei e fracciona o contrato do Noroeste Pop Rock para outorgalo a dedo. A lei de contratos do sector público impide utilizar o procedemento negociado para a adxudicación de contratos inferiores a 100.000 €, un método que permite outorgar á administración o contrato dunha maneira moito máis subxectiva e parcial, xa que logo, é un método que se utiliza xeralmente para outorgar contratos a “empresas amigas”.

Como queira que o importe da licitación dos servizos superaba esa cantidade, o goberno municipal fraccionou de maneira descarada e burda os contratos para evitar o procedemento aberto, un método moito máis ético e transparente que facilita a libre concorrencia de empresas e por tanto a consecución de mellores ofertas que beneficien os intereses económicos do Concello.

Un dos contratos licitados polo IMCE para dar cobertura técnica aos concertos do Noroestes Pop Rock os días 9 e 10 de agosto é por importe de 76.000 € e procedemento negociado con publicidade cuxo obxectivo é “aluguer, montaxe e desmontaxe dos equipos de luz, son e vídeo”. O outro, para “servizos de produción, persoal técnico, conexións eléctricas, camerinos, inodoros, vallas”, ten un importe de 29.000 € e un procedemento negociado sen publicidade. Como se pode observar ambos contratos son parte dun mesmo obxecto que o PP divide para saltarse a lei e conceder a dedo. Asemade un dos contratos é sen publicidade, poñendo en evidencia as verdadeiras intencións deste fraccionamento alegal, así como a opacidade utilizada para a contratación do goberno local que utiliza cartos públicos para agasallar aos seus amigos.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes afirma que dende que goberna o PP, todos os contratos do Noroeste Pop Rock fraccionáronse para poder adxudicalos a dedo, algúns incluso sen publicidade. Desgrazadamente a mesma praxe desenvolvida neste ano e a que o goberno local realizou no 2012, algo que contrasta co acontecido no 2011, cando gobernaba o bipartito, cando a contratación foi unha única e por procedemento aberto de acordo a Lei 30/2007, de 30 de outubro de Contratos do Sector Público.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “semella inaudito e carente de ética que aqueles que na oposición criticaban os contratos a dedo, os xeneralicen agora, unha nova mostra de hipocrisía e cinismo político”.

Relacionados