Esquerda unida considera unha mostra de ineptitude e falta de planificación que o goberno municipal teña que licitar pola vía de urxencia contratos coñecidos dende comezo de ano, como aconteceu cos tres contratos citados. Semella Inadmisible aplicar un procedemento de urxencia nunha licitación deste tipo que responde a unha programación anual. Asemade o Órgano de Contratación non ten xustificado o extremo da urxencia tal e como esixe a Lei de Contratos do Sector Público no seu artigo 112.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o PP contrata por procedemento negociado, sen publicidade e pola vía de urxencia os servizos técnicos para os concertos das festas de María Pita. So un dos tres contratos licitados polo IMCE é por procedemento negociado con publicidade, o correspondente a “aluguer, montaxe e desmontaxe dos equipos de luz, son e vídeo” por importe de 76.000 €, mentres que os outros dous son por procedemento negociado sen publicidade: o de “servizos de produción, persoal técnico, conexións eléctricas, camerinos, inodoros, vallas” por importe de 29.000 € e o de “servizos de aluguer de escenarios, estruturas e elementos auxiliares necesarios para a realización de diversos concertos con motivo da celebración das Festas María Pita 2013” por importe de 43.000 €.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “dende que goberna o PP, todos os contratos do Noroeste Pop Rock fraccionáronse de maneira burda para esquivar a lei e poder adxudicalos a dedo”. A lei de contratos do sector público impide utilizar o procedemento negociado para a adxudicación de contratos inferiores a 100.000 €, un método que permite outorgar á administración o contrato dunha maneira moito máis subxectiva e parcial, xa que logo, é un método que se utiliza xeralmente para outorgar contratos a “empresas amigas”. Como queira que o importe da licitación dos servizos superaba esa cantidade, o goberno municipal fraccionou de maneira descarada e burda os contratos para evitar o procedemento aberto, un método moito máis ético e transparente que facilita a libre concorrencia de empresas e por tanto a consecución de mellores ofertas que beneficien os intereses económicos do Concello.
César Santiso, suliñou “ estamos diante dunha nova mostra de hipocrisía e cinismo político do PP, na oposición criticaban o “dedazo” e agora o xeneraliza”.
Desgrazadamente a mesma praxe desenvolvida neste ano é a que o goberno local realizou no 2012, algo que contrasta co acontecido no 2011 co goberno bipartito, cando a contratación foi unha única e por procedemento aberto de acordo a Lei.






