Control municipal da dependenza

 

Logo do traballo de control sobre a calidade do servizo que estamos a desenvolver, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes segue a recibir queixas das familias dos usuarios que reciben os servizos de atención a dependenza desenvolvidos pola empresa concesionaria Valoriza. Así, as queixas máis repetidas son a falta de calidade do servizo, os incumprimentos de horarios, os constantes cambios do persoal de axuda a domicilio que fai a concesionaria, en moitos casos sen previo aviso e acudindo ao fogar do dependente sen credenciais, ou a absoluta falta de control sobre os servizos que presta. A meirande parte dos usuarios denuncian que a empresa non fai ningún tipo de seguimento sobre a evolución do grado dos dependentes para adecuar o servizo, nin tampouco o control bimensual para avaliar a calidade e o grado de cumprimento dos traballos prestados polo persoal.

 

Xa que logo, Esquerda Unida propón que os servizos sociais do Concello executen un control de calidade periódico á atención á dependenza. Pois non cabe dúbida que son os empregados públicos dos servizos sociais do Concello son os profesionais máis cualificados para desenvolver o devandito control, que se fai necesario dadas as reticencias que teñen os usuarios dos servizos a rexistrar denuncias.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o Goberno municipal non pode mirar cara outro lado diante das eivas da concesionaria, os nosos dependentes merecen un servizo de maior calidade, e o concello debe velar por elo, e non so polo perfecto desenvolvemento do servizo, senón que temos que aspirar á excelencia do mesmo”.

 

Para Santiso esta nova eiva supón a demostración palpábel de que a externalización de servizos municipais non é rendíbel nin dende o punto de vista da economía do Concello, nin dende o punto de vista da calidade dos servizos a cidadanía desenvolvidos, pois as empresas privadas tan so buscan os beneficios económicos, como por outra parte é lóxico e lexítimo. “Valoriza, Céspa, Albada, Doal, Servisa ou Grupo Vendex son exemplos dalgunhas empresas concesionarias que o ben están a incumprir os seus contratos, o ben amosan deficiencias no desenvolvemento dos servizos contratados polo Concello, ou ben teñen constantes conflitos laborais. Xa está ben de que o Concello entregue os cartos dos coruñeses e coruñesas a empresas privadas que desenvolven uns servizos a cidadanía deficitarios e, aínda por riba, outorgan malas condicións de traballo aos seus cadros de persoal, que por certo son veciños e veciñas da bisbarra Coruñesa. Chegou o momento de plantexarse a remunicipalización dalgúns destes servizos”. 

Relacionados