Convenio con Cáritas

Dende a chegada do PP ao goberno local é praxe habitual a concesión de subvencións a entidades privadas, a meirande parte pertencentes á Igrexa Católica que xa goza de grandes prebendas por parte dos poderes públicos. Xa que logo, Esquerda Unida acusa ao goberno municipal de centrar a súa actividade en transferir fondos públicos a entidades privadas. É precisamente este tipo de actitudes as que fomentan a dependencia en ONG do sistema para garantir a cobertura das necesidades vitais da cidadanía. Así, os malos gobernantes disimulan a súa incapacidade de xestionar o público ao tempo que presumen de benefactores de xeito populista e demagóxico, pois semella doado limitarse a achegar cartos a entidades privadas para que estas fagan a labor pública. Por outra banda con esta práctica os cartos, que son de todos e todas, escapan do control público, situación que provoca un grave deterioro democrático.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno do PP actúa como aqueles poderosos que dan esmola á saída da igrexa con cartos acadados mediante a explotación de traballadores e crense cidadáns exemplares”, con este exemplo César Santiso deixa claro o rexeitamento de EU a que o goberno municipal se desinhiba das súas obrigas cargándoas sobre as costas das ONG cos cartos dos coruñeses e coruñesas.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera lesivo para os coruñeses o convenio asinado polo Concello da Coruña e Cáritas por valor de 1,2 millóns de euros para reformar o edificio da ONG e situar nel un centro de día. Non só semella desproporcionado o investimento para rehabilitar o edificio, senón que o convenio tamén contempla que durante os 35 anos de cesión o Concello tamén se fara cargo do mantemento, subministración, pago dos gastos da comunidade e incluso taxas e tributos. Asemade o dito convenio non obriga a nada a Cáritas pois a xestión do centro de día pode xestionala unha terceira entidade, mentres a ONG mantén facultades para oporse a facer algún tipo de actividade pois o centro é titularidade súa.

Cabe recordar que este edificio nin tan sequera se atopa na Agra do Orzán cando a meirande parte do investimento procede de fondos europeos que se deberían destinar a axudas ao desenvolvemento neste barrio.

 

 

Relacionados