Esquerda Unida saúda que por fin o Concello decida desenvolver un plan de mobilidade tal e como levamos tempo demandando. Non cabe dúbida que A Coruña necesita realizar un cambio profundo en materia de mobilidade que de unha resposta alternativa ao caos de tráfico existente. Un plan baseado no fomento da utilización do transporte público colectivo: mellorando frecuencias, incrementando traxectos, abaratando o seu custe para facelo universal e construíndo aparcadoiros disuasorios. En definitiva un Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS) que brinde as alternativas necesarias que permitan á poboación abandonar os vehículos privados a motor para os seus desprazamentos.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe a creación do Consello de Mobilidade para que todos os axentes sociais participen do plan de mobilidade e se cumpra realmente coa participación cidadá en canto a mobilidade que esta a prometer o alcalde. Apostamos decididamente por unha elaboración baseada no consenso colectivo onde debe participar o movemento veciñal, os colexios de técnicos como arquitectos e enxeñeiros, os sindicatos, as asociacións de empresarios, o movemento ecoloxista e os partidos políticos.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “vemos desolados como o goberno municipal está a perder a grande posibilidade que nos concedía Europa para cambiar o modelo produtivo local e desenvolver as tecnoloxías necesarias para incrementar e mellorar os servizos á cidadanía”.
César Santiso afirmou que “o Concello está a malgastar os cartos europeos do proxecto Smart Cities en estudos. Antes 900.000 € para cubrir a incapacidade do goberno local, agora son 550.000 € para desenvolver un concurso internacional para definir un plan de mobilidade, como si non tivésemos expertos na Coruña ou plans desenvolvidos. Por exemplo a propia Xunta está a desenvolver un plan de mobilidade para A Coruña, o goberno anterior xa pagou outro e mesmo hai varios proxectos locais.
Finalmente, Santiso expresou o temor de que todo sexa unha estratexia de distracción para non acometer o difícil problema da mobilidade porque establecer un prazo de 18 meses para elaborar o dito plan significa que entre concurso, elaboración e entrega definitiva pasaran dous anos, de tal maneira que cando todo este listo rematará a lexislatura e volta a empezar co cambio de goberno.