Convenio ilexítimo con Defensa

As leis teñen un matiz hermenéutico que permite a súa flexibilidade. Sábeno ben as cabezas financeiras do Partido Popular. No pasado Pleno do Concello, a voceira do goberno, Martina Aneiros, e a voceira do PSOE, Natividad González, coincidiron na imposibilidade legal da reversión das propiedades de defensa a titularidade da administración civil de forma gratuíta.

Javier Galán, voceiro de EU, manifesta que se non foron suficientes o máis millón de euros pagados polo Castelo de San Felipe. Defensa nunca regalou nada a nosa cidade, máis ben privounos dos mellores terreos a custo cero, pechou o mar de Ferrol, e vímonos sometidos á continuas restricións urbanísticas por mor da xerarquía militar, que nunca cedeu instalacións, mesmo cando deixaron de usalas, facendo da nosa cidade un coto privado, en moitos casos con dubidoso título de propiedade.

Suso Basterrechea, concelleiro de EU, responde ao goberno municipal, tan legalista e sumiso á administración militar, que noutras cidades, como Zamora ou A Coruña, miles de metros cadrados de instalacións abandonadas por Defensa foron entregadas de balde á administración civil, e destaca a debilidade do goberno municipal, incapaz de impoñer a titularidade orixinal deses terreos: o Concello de Ferrol e, polo tanto, si cabe a reversión ou a recuperación da titularidade a prezo simbólico, como fai o Estado coas caixas de aforros  dos pobos, vendidas a un euro á grande banca privada.

No entanto, o Convenio témolo aquí, foinos presentado con nocturnidade e aleivosía, suporá un desembolso de medio millón de euros máis, e xa nos prometen industria, emprego e grandes marabillas máis.  O Grupo Municipal de Esquerda Unida ante tal convenio considera:

1.-  Que debería renegociarse e manter unha postura firme ante o Ministerio de Defensa, no sentido de que se inclúan todas e cada unha das propiedades que pretenden vender e, ou ben, que se produzan os cambios normativos que permitan a cesión gratuíta, ou ben que se vendan ao Concello de Ferrol a custo cero.

2.- Que se abra unha rolda de contactos co resto de grupos políticos, co consello da veciñanza e co tecido asociativo ferrolán a fin de procurar un consenso para darlles o mellor dos usos a eses terreos.

 

Dende Esquerda Unida cremos na necesidade de vincular eses terreos á creación de emprego, dun emprego realista. Javier Galán compara o uso industrial que aparece nos medios para a estación de radio de Mandiá, coa empresa contratada para a captación de comercios. Qué imos vender ou producir cando o motor da comarca, o Sector Naval, está abandonado e ningunha xestión política municipal favorece o seu rexurdimento? Por moita iniciativa comercial ou industrial, debe pasar pola recuperación da comarca, e o primeiro que hai que abordar é unha saída ao Naval e a Universidade. Máis que uso industrial ficticio (para iso xa está o Polígono de Leixa), dende Esquerda Unida apostamos polo autoemprego, o cooperativismo agrícola, a industria agroalimentaria e a cesión dos terreos á cidadanía de Ferrol, que é a verdadeira titular desas propiedades, antes de que acaben convertidas en asentamentos de grandes empresas comerciais, que non industriais, grandes multinacionais xeradoras de emprego precario e curto percorrido que nunca van solucionar os problemas estruturais da cidade de Ferrol.

Relacionados