Convenios coa UDC

Esquerda Unida propón que cos 3,2 millóns reservados a asesorías externas se financie colaboración entre Concello e UDC. Dende a entrada do Partido Popular na alcaldía (2011) incrementouse o dispendio en asesorías externas en 2,3 veces, pasando dos 1,4 millóns ata os 3,2 millóns orzamentados para 2014 (clasificación 22706). Con unha UDC perfectamente capacitada para realizar a labor de asesoramento, pero enfrontada a necesidades pola redución da captación de fondos por I+D+i, o Goberno local debería de apostar por financiar a incorporación aos proxectos do concello dos técnicos e expertos universitarios da Cidade.

O grupo municipal de EU-V anima ao Goberno local a reducir os contratos da administración con empresas externas en favor de convenios coa Universidade, para que a UDC se converta nun puntal do Concello na promoción do necesario cambio do modelo produtivo que reactive a economía local. Asemade estes convenios servirán para promocionar aos técnicos locais cara o exterior, en Galicia temos a mellor canteira universitaria e canto máis oportunidades teña mellores froitos recibirá a sociedade.

A vantaxe tecnolóxica que supón o capital humano formado é un recurso que debe utilizarse con eficiencia para mellorar a competitividade das nosas empresas.

O voceiro de EU-V, César Santiso, afirma que “implicar á Universidade nas necesidades da cidade multiplicaría a rendibilidade da inversión, cousa que non ocorre cando os estudos técnicos os levan empresas multinacionais. Cando incrementamos as oportunidades para os técnicos e profesionais coruñeses, reducimos a ineficiencia do gasto, pechamos o ciclo económico local e evitamos que os impostos dos coruñeses e coruñesas fuxan fora da nosa cidade e acaben converténdose nun simple apunte da conta de resultados dunha grande empresa que por suposto non reinviste os seus beneficios na nosa cidade”.

Relacionados