Cooperativas agrarias

Esquerda Unida diante do afundimento do sector e a súa nula viabilidade aposta por capacitar aos desempregados da construción para actividades agrarias sustentables, mediante cursos de formación e a implantación masiva de hortas urbanas nos terreos municipais abandonados. Así, as persoas que perderon o seu posto de traballo no sector da construción, terían a posibilidade de reconverterse nunha actividade primaria tan necesaria como esquecida que xerará moito emprego xa que na actualidade existen na comarca grande cantidade de hectáreas desaproveitadas que cunha explotación sustentable e ecolóxica podería crear centos de postos de traballo.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón que o concello da Coruña lidere a recuperación da riqueza natural da bisbarra mediante a creación de convenios para crear un banco de terras para que a exploten cooperativas de desempregados mediante agricultura ecolóxica. Así, o concello da Coruña en colaboración con outros concellos da bisbarra promoveran a creación de cooperativas de desempregados mediante servizos de soporte técnico e formación cara unha agricultura ecolóxica e autosuficiente (neste sentido, si o goberno municipal redirixe o proxecto, as hortas urbanas poden ser a semente de capacitación que as persoas desempregadas necesitan para iniciar a actividade agraria), ao tempo que posibilite a obtención dun valor engadido mediante a consecución dun selo de calidade da bisbarra que xunto coa coordinación de redes alternativas de distribución permitan garantir prezos dignos en orixe ao tempo que xustos para os consumidores finais.

Asemade propoñemos que o concello da Coruña adquira parte da colleitas das cooperativas de desempregados e desempregadas para abastecer unha rede de comedores sociais municipais que garanten a todos os coruñeses e coruñesas o dereito fundamental a alimentación, así como para o abastecemento do banco de alimentos e outras ONG que se dedican ao reparto de alimentos.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os poderes públicos deben pular por recuperar a actividade produtiva do seu contorno ao tempo que promover o consumo de produtos locais para pechar o ciclo económico e gañar en sustentabilidade”. Porque en pouco tempo no prezo dos alimentos influirá máis o custe de transporte que de produción, dada a crise enerxética debido ao cénit do petróleo.

Relacionados