Cooperativas agrarias

Esquerda Unida propón que o concello da Coruña lidere a creación de convenios para crear un banco de terras na bisbarra cos concellos limítrofes que forman o consorcio das Mariñas e así aproveitar a grande cantidade de fincas baleiras improdutivas que existen na nosa comarca para convertelas en terras produtivas fonte de riqueza.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón recuperar a riqueza natural da bisbarra para que a exploten cooperativas de desempregados en agricultura ecolóxica, actividade primaria tan necesaria como esquecida que xerará moito emprego xa que na actualidade existen na comarca grande cantidade de hectáreas desaproveitadas que cunha explotación sustentable e ecolóxica podería crear centos de postos de traballo. Xa que logo propoñemos que o Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME) en colaboración con otros concellos da bisbarra promovan a creación de cooperativas de desempregados que estean dispostos a traballar a terra.

EU aposta porque o SIAME desenvolva servizos de soporte técnico e formación cara unha agricultura ecolóxica e autosuficiente (neste sentido, si o goberno municipal redirixe o proxecto, as hortas urbanas poden ser a semente de capacitación que as persoas desempregadas necesitan para iniciar a actividade agraria), ao tempo que posibilite a obtención dun valor engadido mediante a consecución dun selo de calidade da bisbarra que xunto coa coordinación de redes alternativas de distribución permitan garantir prezos dignos en orixe ao tempo que xustos para os consumidores finais.

Asemade propoñemos que o concello da Coruña adquira parte da colleitas das cooperativas de desempregados e desempregadas para abastecer unha rede de comedores sociais municipais que garanten a todos os coruñeses e coruñesas o dereito fundamental a alimentación, así como para o abastecemento do banco de alimentos e outras ONG que se dedican ao reparto de alimentos.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os poderes públicos deben pular por recuperar a actividade produtiva do seu contorno ao tempo que promover o consumo de produtos locais para pechar o ciclo económico”. Porque dada a grave situación de crise económica e a inminente crise enerxética debido ao cumio do petróleo e a exponencial suba do seu prezo, en pouco tempo no prezo de moitos produtos de primeira necesidade repercutirá máis o custe do transporte que o custe de produción.

 

Relacionados