Coruña Futura

Esquerda Unida aposta por diversificar a actividade económica e para acadar un sector industrial potente que permita unha economía sa e sostible. Non cabe dúbida de que os sectores turístico, saúde e téxtil aos que apuntan as conclusións da enquisa realizada polo proxecto Coruña Futura, teñen grande importancia na nosa cidade e temos que potencialos, EU sempre apostou por incrementar os servizos a cidadanía encamiñados ao benestar das persoas, máis non podemos fiar o noso futuro ao sector servizos e a unha actividade industrial nucleada ao redor do xigante da moda. Semella fundamental diversificar a actividade produtiva e fomentar que o noso sector industrial creza, se espalle e xere emprego. Non debemos esquecer que a nosa cidade ten grandes carencias en canto a industria. Xa que logo, é necesario apostar polo I+D+i para crear un clúster tecnolóxico que permita ao noso tecido produtivo producir consumindo menos enerxía e recursos, e dicir de maneira máis eficiente e sostible. Así incrementaremos a nosa competitividade e creceremos economicamente de maneira sustentable.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes coincide na necesidade de desenvolver un proxecto estratéxico de cidade para definir o noso futuro, pero considera que o goberno local está a desperdiciar unha grande oportunidade para promover localmente a sociedade do coñecemento. EU pula por un proxecto estratéxico de cidade participado pola cidadanía e desenvolvido por entes públicos, técnicos e axentes económicos locais para promover un clúster tecnolóxico e un centro de decisións local mediante o desenvolvemento de convenios con Universidade, institucións públicas como Xunta e Deputación, Colexios Técnicos e empresas locais.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal en lugar de pular por un centro de decisións local, convocou un concurso internacional e contratou a unha empresa americana por 700.000 € para dicirnos aos coruñeses e coruñesas o que temos que facer. Así o PP transmite unha mensaxe clara de desconfianza nas capacidades locais e perdendo a oportunidade de establecer un mecanismo de cooperación que permitise a nosa cidade ser referente dunha economía baseada no coñecemento. Desta maneira non so malgástanse os cartos dos coruñeses e coruñesas, senón que se promove a fuga da nosa riqueza económica ao utilizar cartos para pagar a empresas foráneas que non investirán na nosa cidade impedindo pechar o ciclo económico.

Relacionados