Esquerda Unida leva meses demandando un proxecto estratéxico de cidade, mais o goberno municipal tardou 18 meses en reaccionar. Agora no meridiano da lexislatura presenta Coruña Futura, onde se pretende definir que cidade queremos, así como as accións fundamentais nos eidos económico, social, urbanístico e medioambiental para acadar os obxectivos marcados. Non cabe dúbida que o proxecto é interesante e necesario, máis non deixa de ser un novo brinde ao sol de Negreira, pois sabe perfectamente que en dous anos non terá tempo de desenvolver o devandito proxecto.
Así pois, semella que unha vez máis o PP utiliza cartos públicos para facer anuncios propagandísticos que lle permitan lavar a faciana diante da súa incapacidade e inacción para afrontar a situación de crise que estamos a vivir, así como o engano electoral cando anunciaba un plan de emprego e reactivación económica que nunca tivo, como o tempo está a demostrar. De novo os coruñeses e coruñesas observamos atónitos como se goberna a golpe de idea en lugar de definir plans de actuación de longo percorrido. En lugar de comezar definindo a cidade que queremos para o futuro, para despois desenvolver un plan de mobilidade acorde coas expectativas de futuro e rematar coa modificación do PXOM para que se adecúe aos criterios desenvolvidos nos dous procesos anteriores, o goberno local comezou polo PXOM, para logo desenvolver o Plan de mobilidade e por último o proxecto Coruña Futura. O mundo ao revés.
En todo caso, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes anuncia a súa total dispoñibilidade para participar de maneira activa e construtiva no proxecto Coruña futura, apesares da exclusión do foro das forzas políticas da oposición. O PP fala de proceso participativo e incluínte, máis non so esquece do 45% dos coruñeses e coruñesas que votaron as forzas da oposición, senón que tamén bótanse en falta asociacións de mulleres para amosar o espírito feminino tan necesario para articular cidades integradoras, solidarias e modernas, ao igual que organizacións ecoloxistas para incorporar a tan necesaria conciencia verde para acadar unha Coruña sustentable e saudable. Con todo o máis grave é que non se convidasen as distintas asociacións veciñais de barrio, fundamentais para representar o sentir da veciñanza, porque non debemos esquecer que A Coruña é a cidade dos barrios e coa única presenza das dúas federacións veciñais, sendo ademais unha delas un mero apéndice do goberno municipal, o PP vilipendia, desacredita e exclúe ao movemento veciñal.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o PP decidiu contratar a unha empresa americana por 700.000 €, cando o traballo se podería desenvolver en modo local entre Concello, Universidade, Deputación, Xunta e Colexios Técnicos mediante convenios”. Desta maneira malgástanse os cartos dos coruñeses e coruñesas, promóvese a fuga da nosa riqueza económica ao utilizar cartos para pagar a empresas foráneas que non investirán no noso tecido produtivo, todo o contrario que sucedería no caso de ser empresas coruñesas que pecharían o ciclo económico local. Asemade perdese a posibilidade de crear un polo tecnolóxico e un centro de decisións local e desacredítase aos técnicos municipais, aos investigadores universitarios e aos colexios técnicos e profesionais da cidade, debido a que o Concello, coa súa decisións de convocar un concurso internacional, está a transmitir non confía nas capacidades locais. Pero o peor é que se perde unha grande oportunidade de establecer un mecanismo de cooperación que permitise a nosa cidade ser referente dunha economía baseada no coñecemento.