Couso denuncia ante a Comisión Europea a “dobre estafa” cometida polo PP en Ferrol coa depuradora

O eurodeputado de Izquierda Unida Javier Couso denunciou este xoves ante a Comisión Europea a “dobre estafa” cometida polo Partido Popular en Ferrol coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Cabo Prioriño, que foi construída con fondos da Unión Europea e, tal e como se demostrou, non estaba operativa, provocando que a ría se seguise contaminando, mentres o Goberno local cobraba aos veciños polo servizo. Ademais, “ante a grave deterioración da ría”, decidiu impulsar o caso e levalo até a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

Nunha pregunta parlamentaria, Couso explica á Comisión Europea que a anterior corporación do PP chegou a asegurar que a EDAR, financiada nun 85% pola UE, depurara e saneara 1,5 millóns de metros cúbicos de auga. Con todo, tal e como revelou o novo equipo de Goberno do Concello, de Ferrol en Común e PSdeG, en realidade a depuradora nunca cumpriu a súa función, polo que agora exponse en demandar á empresa responsable da xestión por “fraude”.

“Construír con diñeiro de todos os europeos unha depuradora que non funciona e cobrar aos ferroláns por iso é unha dobre e grave estafa. En primeiro lugar, porque demostra o desprezo polo medio ambiente dun Concello ao que non lle importa o máis mínimo a castigada Ría de Ferrol. En segundo lugar, porque supón embolsarse un diñeiro por un servizo que non se presta aos cidadáns e aos que a corporación municipal debe servir”, dixo Couso.

O eurodeputado de IU advertiu de que coa actuación do PP, non só “dilapidouse o diñeiro concedido pola Unión Europea”, senón que “estafouse aos cidadáns, facéndolles pagar un diñeiro que debería destinarse á preservación da saúde das augas. Con actitudes tan rastreras o PP está a hipotecar o futuro das xeracións vindeiras”, engadiu.

Entre outras cuestións, Couso pregunta á Comisión Europea se está ao tanto do caso, se vai pedir explicacións e se actuará tendo en conta que a EDAR se puxo en marcha con fondos europeos. “Espero accións contundentes para con quen engana aos europeos e aos seus propios veciños”, recalcou.

Ademais, o eurodeputado mostrouse moi preocupado “pola seguridade asociada á empresa Reganosa, as verteduras incontroladas, e a construción do tren ao porto exterior”, polo que se comprometeu a levar á Comisión de Peticións a saúde da Ría de Ferrol, “ante as continuas denuncias da súa grave deterioración realizadas por mariscadores, mariñeiros, organizacións políticas e veciños”.

 

Relacionados