Alternativa Galega de Esquerda denuncia a covardía institucional de Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez ante as reivindicacións dos artistas.
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2013.- As políticas culturais do Goberno de Alberto Núñez Feijóo redúcense unicamente a brutais recortes e ao desprezo máis absoluto polos traballadores do sector. Estes, organizados na Plataforma en Defensa das Artes Escénicas e Musicais, decidiron onte pecharse na sede da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), situada na Cidade da Cultura. A súa reivindicación inmediata era que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, fixase unha data en firme para recibir a todos os representantes da plataforma. Sen máis resposta pola súa banda que enviar á Policía Nacional a desaloxalos das instalacións do Gaiás. Esta mañá, os artistas regresaron á Cidade da Cultura con intención de realizar unha rolda de prensa dende o Agadic, pero os policías volvérono impedir. Falaron cos medios de comunicación ás portas da axencia da Xunta.
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia a covardía institucional de Anxo Lorenzo e do seu superior, o conselleiro de Educación Jesús Vázquez. Ademais, a través do seu deputado Xabier Ron, considera inaceptábel a “parálise” en que a Xunta sumiu ao sector. “Chega a haber até seis meses de atraso no pagamento ás empresas”, explica, “e non existe absolutamente ningunha planificación ao respecto”. Mentres, nos Orzamentos do PP para este ano 2013, o burato negro en que mudou a Cidade da Cultura absorberá nove millóns de euros.
AGE tamén denuncia que axentes da Policía Nacional comunicaran aos seus parlamentarios Xabier Ron, Ramón Vázquez e David Fernández Calviño, desprazados onte ao Gaiás para se interesar pola situación das persoas que alí protestaban, que non habería desaloxo. Finalmente, a policía trasacordou e despexou as oficinas de Agadic con ameaza de empregar a violencia. Esta mañá, os artistas regresaron ao Gaiás. Alí, á intemperie, explicaron as súas reclamacións. A viceportavoz de Alternativa, Yolanda Díaz, e o deputado Xabier Ron acudiron para expresar o seu apoio.