Consello Galego da Minaría

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2013.- Os proxectos mineiros en curso en Galicia, explica o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, “supoñen un cambio moi grande respecto da minaría que tradicionalmente se viña desenvolvendo neste país”. Os métodos de extracción, engade, viraron máis agresivos e perigosos para a saúde humana e o medio ambiente. Por iso o grupo parlamentario vén de presentar unha proposición non de lei (no documento anexo) para que o Parlamento inste á Xunta á constitución urxente do Consello Galego da Minaría.

A creación deste órgano –“órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento, no que estarán representados os concellos mineiros, os sindicatos e outras asociacións representativas”- figura na lei de ordenación da minaría aprobada en 2008. Pero aínda hoxe non existe. “Están a se promover unha gran cantidade de proxectos de minaría sen control, consenso e planificación”, sinala Sánchez, quen presentou xa numerosas iniciativas parlamentarias contra, por caso, os planos dunha multinacional para buscar ouro en Corcoesto (Cabana de Bergantiños). A conformación do Consello da Minaría -entre cuxos fins se atopan propoñer medidas para un mellor desenvolvemento da política mineira, emitir informes sobre as normas e as leis que regulan a actividade ou fiscalizar a calidade do emprego no sector- axudaría non só a cumprir unha parte moi importante da lexislación vixente, senón tamén a vixiar os novos proxectos mineiros

 

 

 

 

Relacionados