Atenderíase deste xeito unha demanda unánime dos profesionais da xustiza, que repercutiría de maneira positiva na nosa cidadanía no que fai a exercer os seus dereitos cidadás perante a administración xudicial, cun menor custo económico e de emprego de tempo.
O noso Grupo Municipal – mais tamén o propio Partido Popular – presentaran unha moción encol dunha problemática que deixa a Ferrol no furgón de cola das cidades galegas en materia de xustiza, en canto resulta ser a única urbe galega que non ten unha sección da Audiencia Provincial. Esas mocións concitaran o respaldo de todas as forzas políticas da cidade malia o que hoxendía “seguen a durmir o inxusto soño do oportunismo, aquel que reclama na oposición o que logo non executa no goberno”, sinalou Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida. En xaneiro deste ano o pronunciamento claro do Pleno do concello de Ferrol avogaba pola creación dunha sección da Audiencia e polo establecemento dun novo xulgado de primeira instancia adicado á familia. A petición da sección da Audiencia aprobárase por unanimidade e a do xulgado de primeira instancia tivo a abstención do PP.
Os compromisos son para cumprir e o partido xudicial de Ferrol adoece dos medios necesarios para acometer a prestación deste servizo público nas condicións idóneas. A notable carga de traballo xerado nesta cidade, as molestias causadas e tempo empregado nos desprazamentos á Coruña son elementos que militan na consecución destas demandas.