Creación de emprego

 

A resposta do Goberno municipal foi que defende o emprego desbloqueando proxectos como a terceira rolda, O Parrote ou a Fábrica de tabacos e que os orzamentos do 2012 son os máis sociais da historia.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “as ultimas declaracións amosan o perdido e afastado da realidade que se atopa o Goberno local en materia de reactivación económica. Urxe un pacto institucional. Non se poden considerar sociais uns orzamentos tremendamente deficitarios en medidas para creación de emprego e que entenden o gasto social como unha limosna para os máis necesitados a través de convenios con entidades benéficas privadas. Asemade incorporan recortes en ensino e o investimento en servizos sociais e inferior non cubre nin tan sequera o incremento do IPC apesares da maior demanda dos usuarios por mor da crise e os recortes da Xunta de Galicia”.

 

Para César Santiso o Goberno municipal comete un erro de gravísimas consecuencias fiando a creación de emprego ao esgotado modelo do ladrillo e o formigón. Un modelo fracasado no que tanto PP como PSOE insisten una e outra vez, afundíndonos cada vez máis na crise. “Semella que non aprenderon nada destes anos de dura crise, con todo, nós temos moi claro como saír dela: cambiando o modelo produtivo local cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo baseado no coñecemento, os servizos a cidadanía e a economía verde. Un cambio que permita mellorar a competitividade das nosas empresas, reducindo por unha banda os custes de produción mediante o fomento da eficiencia enerxética, o uso racional dos recursos naturais e a utilización de materias primas locais que permitan pechar o noso ciclo económico permitindo a retroalimentación das nosas empresas e xerando riqueza que fique na nosa bisbarra en lugar de deixala escapar cara ao exterior como sucede agora. Mentres que por outra banda se incremente o valor engadido dos nosos produtos, ven sexan mercadorías o servizos, con medidas como a potenciación do uso das tecnoloxías da información, o investimento en I+D+i, ou a creación de marcas territoriais como denominacións de orixe e produción ecolóxica, mediante marketing que enxalce as bondades e calidade dos nosos produtos”.

 

Neste sentido, os cambios incorporados nas ordenanzas fiscais por Esquerda Unida favorecen a xeración de emprego, mediante a reactivación económica local grazas a potenciación do devandito cambio de modelo produtivo. Asemade son as ordenanzas fiscais de maior xustiza social pois aplican progresividade no imposto de plusvalía beneficiando aos máis necesitados e bonificacións no Imposto de Bens e Inmobles para as vivendas de protección oficial, única medida que permite a lei para beneficiar aos máis necesitados no IBI.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que as ordenanzas fiscais cumpren o obxectivo para loitar contra o paro, todo o contrario que os orzamentos aprobados polo PP co apoio do PSOE.

Relacionados