Inicio a rolda de prensa Jorge Gil quen indicou que a corporación coruñesa leva máis dun mes constituída, período durante o cal moitos e diversos asuntos ocuparon a vida coruñesa, mais ningunha organización política esta a debater sobre a meirande preocupación da veciñanza, o desemprego.
De seguido tomou a palabra César Santiso quen indicou que Esquerda Unida aposta por situar no centro do debate político a reactivación económica local e a conseguinte creación de emprego. “Somos conscientes que a creación de emprego non é potestade das entidades locais, mais tamén o somos de que o Goberno de España e a Xunta de Galicia son incapaces de crear emprego e que os concellos son a Administración máis próxima a cidadanía e aos seus problemas. Durante as eleccións todos os partidos políticos falaban delo, mais agora caeu no esquecemento, proba delo e a actitude do Goberno municipal que en lugar de centrarse en políticas activas de emprego, a pesares de ocupar posición central no seu discurso electoral, o urbanismo ocupou os seus primeiros días de goberno”.
Santiso indicou que “a maior preocupación da cidadanía é o desemprego e a crise económica, os políticos debemos atender as demandas da cidadanía, xa que logo, centrémonos na creación de emprego”.
O Grupo municipal de EU-V propón que a fundación recentemente creada actúe como un Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME) que se constitúa nunha ferramenta efectiva para autónomos, PEMES e cooperativas. O servizo cubrirá as necesidades básicas as que se enfrontan os emprendedores, para que podan centrarse na súa actividade produtiva e así rachar coa barreira burocrática que na practica impide a moitos realizar a súa actividade. Mediante unha taxa que cubra custos permitirase acceder de maneira compartida a oficinas, comunicacións, loxística, servizos administrativos, informáticos e asesoramento contábel, laboral e tributario.
“A Coruña, por capacidade e historia, debe ser o motor da Comarca. O SIAME favorecerá a reactivación económica local, a creación de emprego estábel de calidade e o cambio do modelo produtivo máis sustentábel e menos dependente do petróleo”, ao establecer ditas premisas como requisito de acceso ao servizo xunto cun estudo favorábel sobre a viabilidade económica (desenvolvido pola propia fundación). Así, as nosas empresas melloraran a súa competitividade diante dun escenario de escaseza do petróleo e constante suba de prezos da enerxía.