creación dun Fondo de Garantía Familiar

 

EU presentara ao Pleno de xuño de 2009  unha moción para que o concello de Ferrol asinase convenios  con entidades financeiras  para o estabelecemento dunha liña de microcretos asemade da creación dun Fondo de Garantía Familiar. O resultado da mesma foi que se trataría na Comisión de Facenda para estudar as posibles maneiras e posibilidades.

 

Desgrazadamente – e cunha insensibilidade social supina -, dende entón o Goberno Municipal non presentou na Comisión de Facenda traballo ou proposta algunha neste senso, que servira para facer posible o desenvolvemento destes dous instrumentos para axudar a nosa cidadanía nun tempo de moi dura crise económica.

 

Esquerda Unida considera que hai que esgotar as posibilidades xurídicas e materiais que teñen as administracións públicas de carácter local para crear os instrumentos necesarios que axuden ás persoas en situación de necesidade como consecuencia da crise económica. O Fondo de Garantía constitúe un elemento  que permitiría facilitar a declaración de insolvencia das familias en situación de necesidade e que actúase como mediador diante das entidades financeiras para evitar as situacións de lucro a costa da súa necesidade.

 

O estabelecemento dunha liña de microcretos, mediante convenios de colaboración con entidades financeiras, suporía tamén unha pequena axuda a pequenos empresarios e familias no actual intre económico e social.

 

Esquerda Unida entende o valor das accións públicas atentas ao impacto social da crise e, xa que logo, demanda do Goberno Municipal a asunción dun papel protagonista e de vangarda neste eido asumindo esta proposta de Esquerda Unida.

Relacionados