É unha barbaridade, nova mostra da decrepitude ética do Partido Popular, que aproben que as concelleiras e concelleiros, imputados por presuntos delitos de corrupción política, poidan acollerse a que sexan as veciñas e veciños cos seus impostos as que paguen a súa defensa.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe a retirada inmediata desta medida aprobada pola comisión de goberno compostelán, non negamos que as leis podan permitila, pero é unha indecencia por parte do equipo de goberno de Currás que se faga efectiva.
É nauseabundo que o fedor a corrupción que desprenden as cloacas do Concello volva a prexudicar á cidadanía, abafada polo austericidio das políticas neoliberais que provocan a perda de dereitos laborais e sociais, mentres comproban que os executadores dos recortes teñen vía libre para dispoñer dos cartos públicos que precisen para acometer a súa defensa ante a xustiza.
Se Ángel Currás, por covardía ou incompetencia, non acomete a retirada desta decisión de pago da defensa con cartos públicos a presuntos corruptos, demandamos ao señor Feijoo que abandone o seu escudo de que “o que pasa en Santiago non é normal”, e leve a cabo as medidas necesarias para permitir a gobernabilidade da cidade, algo imposible co Alcalde Currás e as súas concelleiras e concelleiros.
É necesario que obrigue a retirada desta medida de inmediato e que esixa a dimisión de todos os cargos públicos imputados por presunta corrupción, procurando que ipso facto o novo equipo de goberno demostre capacidade para rexer a cidade, senón que cumpra coa súa obriga e consiga o necesario adianto de eleccións municipais.