Crónica Convocatoria Social

EU Coruña vén de realizar unha Asemblea Aberta baixo o nome de convocatoria social para unha alternativa programática, para elaborar de maneira participativa unha proposta unitaria de cara as eleccións xerais do 20 N.

 

Decenas de persoas desenvolveron un enriquecedor debate cheo de achegas durante tres horas sobre os 25 eixos programáticos que presentaron distintos relatores tanto de dentro como de fora da nosa organización.

 

A Asemblea caracterizouse pola diversidade dos asistentes, observándose membros de distintas organizacións sociais que acudiron a título individual como Democracia Real Ya, Stop Deshaucios, No les votes, 15M, Ben Común, así como de distintos sindicatos e organizacións ecoloxistas, xunto con afiliados de Esquerda Unida.

 

Esquerda Unida leva dous anos traballando en “Refundando a Esquerda”, un proceso que pretende reformular a esquerda na procura de acadar unha fronte ampla que sexa quen de facer converxer a esquerda política e a esquerda social nun proxecto que permita loitar contra o avance das políticas neoliberais que están a esnaquizar os dereitos das familias traballadoras. 

 

Nesta ocasión a “Convocatoria Social para unha Alternativa Programática” pretende integrar de maneira participativa as diferentes achegas da esquerda social transformadora, para que a cidadanía de esquerdas poida verse reflectida no programa electoral que defenda Esquerda Unida. Mais o proceso sigue e unha vez pasado o 20 N seguiremos a desenvolver o proceso de Refundación para avanzares na unidade de acción da esquerda que tanto está a demandar a sociedade.

 

Cara o remate da asemblea todas as persoas asistentes, afiliadas e non afiliadas elixiron democraticamente as 4 persoas, dúas afiliadas a EU e dúas independentes, que serán propostas na Asemblea Comarcal como candidatas ao Congreso dos Deputados e ao Senado por A Coruña. Mari Luz Canal, Suso Díaz, Argimiro Doce e Arturo Salgueiro saíron elixidos por unanimidade nunha clara demostración de que a esquerda pode e debe unirse para loitar pola transformación da sociedade.

Relacionados