Crónica da Asemblea Aberta

 

Unidade e ampla participación marcan a asemblea aberta que decidiu a proposta programática e as persoas da comarca que presentará esquerda unida ao congreso e senado. A asemblea transcorreu nun ambiente de ricaz discusión programática e de franca unidade, diante do desafío que supón para a esquerda a construción dunha alternativa social e programática ao PP e ás políticas de dereita.

 

Na Capela do Centro Torrente,  preto dun centenar de compañeiras e compañeiros, amigas e amigos, xente do común, discutiron e achegaron  propostas de intervención programática para construír de maneira participada un programa político novo e alternativo, quen de respostar  ás necesidades da  nosa xente no actual contexto de moi dura crise económica e social. Cómpre salientar a notable participación de xente non afiliada, que representaba ao redor do 50% da asemblea e que amosou o crecente grao de mobilización social para enfrontar a crise e aos seus causantes e beneficiarios.

 

Cada un dos eixos que organizan a proposta programática foron desenvolvidos por diferentes relatores, de dentro e de fóra da organización, como xeito de introducir logo unha serie de debates en torno deles. Seis foron as Revolucións programáticas que artellarán o programa debatido onte: a Revolución Económica para pór ao servizo das necesidades das persoas traballadoras as capacidades produtivas do país; a Revolución Democracia Participativa  para superar o golpe de Estado dos mercados capitalistas e profundar na participación da cidadanía no goberno da cousa pública, facendo da vontade da cidadanía o eixo director das políticas públicas; a Revolución Ambiental para xerar un novo modelo de produción e consumo tendente ao decrecemento sustentable; A Revolución pola Igualdade para construír un mundo libre para as mulleres e para o conxunto da sociedade; a Revolución dos Servizos Públicos, quen de garantir  o seu carácter público e a súa extensión e calidade universais para toda a nosa cidadanía; e a Revolución da Cultura, que achegue esta ao pobo e sirva como ferramenta crítica de transformación social.

 

As revolucións concitaron un moi extenso rango de intervencións dun público con ganas de debater e que achegou unha ampla nómina de problemas e solucións que require a nosa comarca para saír da actual postración económica e social derivada de preto de trinta anos de políticas neoliberais no Estado e Xunta de Galicia.

 

Cara o remate da asemblea todas as persoas asistentes, afiliadas e non afiliadas votaron aos seguintes compañeiros e compañeiras para defender nas institucións  as propostas emanadas da asemblea aberta: o catedrático de lingua e literatura galega na UDC, Xosé María Dobarro Paz, a traballadora e activista feminista Paula Meizoso Alonso, a histórica loitadora antifranquista Sari Alabau Albors e o sindicalista e mariño mercante Manolo Bustabad Rey son as persoas que onte resultaron elixidos entre aplausos para compoñer por Ferrolterra as listas que Esquerda Unida vai presentar ao Congreso e Senado da provincia de A Coruña. Listaxe cuxas características son a renovación, o coñecemento e a implicación social dos integrantes para desenvolveren unha proposta política e social alternativa.

Relacionados