Datos do paro

O voceiro do Grupo, Xosé Manuel Beiras, lamenta que o PP reaccione á situación actual decindo que Galiza está mellor que outras comunidades porque “como dí un refrán castelán :mal de muchos, consuelo de tontos”.

A vicevoceira, Yolanda Díaz, pola súa banda explicou que estas cifras “indecentes” deberían provocar a inmediata dimisión da conselleira de Traballo.

Santiago de Compostela, 24 xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda denunciou hoxe a incompetencia da Xunta de Galicia e do seu presidente e o absoluto fracaso das políticas de asutericidio do Partido Popular tras coñecerse os últimos datos do paro que pechan o 2012 con 277.400 parados elevando a taxa de desemprego do 21,28 por cento.

O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, lamentou a reacción dos deputados do Partido Popular no Parlamento Galego que o único que se lles ocorre responder cando se lles pregunta polos datos de desemprego é que están peor outras comunidades do Estado. “Semella que queren basear a súa resposta no refrán castelán que di: mal de muchos, consuelo de tontos. Se é así, eles saberán…”

Beiras insistiu unha vez máis en destacar que as políticas que se están a desenvolver por parte do Partido Popular van en contra do que hai que facer se o que se busca é acabar coa situación actual de crise, perda de empregos, perda de dereitos sociais e destrución da sociedade do benestar. “De todos xeitos” suliñou, “non son tan necios, eles saben o que fan”.

A vicevoceira do Grupo Parlamentar, Yolanda Díaz, pola súa banda considerou “indecentes” as cifras publicadas hoxe e asegurou que son un exemplo máis da incompetencia da Xunta de Galicia e de Feijoo. “Trátase do grande fracaso do PP” afirmou e esisiu por unha banda, que o goberno galego centralice toda a súa actuación política na creación de emprego; e por outra, que “para facer o que está a facer que non é outra cousa que destruír emprego, o que debe facer o Sr. Feijoo é materializar a dimisión da conselleira de Traballo pola súa incompetencia”.

Relacionados