O debate: tripartidismo harmónico

Alternativa Galega de Esquerda considera os debates entre PP, PSOE E BNG como unha escenificación baleira que non achegará ningún criterio de valor para a cidadanía. En efecto, trátase dun sistema que carece do máis mínimo valor político porque o debate social de fondo sobre o modelo de goberno non se verá reflectido e non responderá á situación de emerxencia do país e do escenario internacional, asemade estas tres organizacións xa teñen o Parlamento para debater.

O marco de extrema gravidade, onde un partido con maioría absoluta adianta de maneira sorpresiva as eleccións, fai inxustificable unha redución do debate a tres forzas, mais cando todas elas se atopan en niveis mínimos de confianza. A única contribución real dun debate a tres é a contribución ao descrédito da política. A xuízo da coalición, calquera debate que ignore a realidade do momento só pode ser entendido como unha teatralización ilexítima, un debate pechado a tres ignora premeditadamente a realidade.

A coalición afirma que o formato de debate pactado entre os partidos institucionais son unha demostración do seu desprezo pola pluralidade, do seu nulo espírito por mellorar a calidade democrática e do temor a debater con políticos da esquerda alternativa como Beiras ou Yolanda. En definitiva, trátase da constatación de que a preocupación das formacións parlamentarias son os seus intereses partidarios en lugar de responder ás problemáticas reais da cidadanía, que debería ser o fin único de aqueles que se presentan á cámara de representantes. Xa que logo, é doado comprender como tanto nos barómetros como na rúa se reflicte a perda de confianza da cidadanía na clase política e nos poderes públicos.

Ante esta situación xorde unha nova forma de facer e entender a política, que nestas eleccións é conformada polos candidatos e candidatas de Alternativa Galega. Así, esta fronte ampla de esquerdas, en coherencia coa súa decidida aposta pola participación cidadá, opta por debater directamente coa cidadanía mediante actos abertos en formato asembleario, porque o que importa é escoitar aos galegos e galegas para poder aplicar medidas que alivien o seu sufrimento. Por iso, diante dun marco político viciado en extremo, apostamos por un contrapeso cualitativo que plante cara dende a rebelión cívica.

 

Relacionados