Decálogo contra o ensino público

Ano 2013.

Austericidio para a pública. Estímulo para a privada

Austericidio:recorte de 149 M€. 1225 docentes menos

Estímulo para a privada: 237 M€ neste 2013…Máis de 1000 M€ nos últimos catro anos…incluídos os 4 M€ a centros do Opus.

Abandono dos centros de educación infantil e primaria que precisan, xa, dun investimento importante en renovación das súas infraestruturas

Adoutrinando. Unha escola confesional nun estado Laico

28 M€ no 2013 para pago do profesorado de relixión.

1075 docentes para unha materia en progresiva diminución, mais que mantén orzamento e persoal.

A LOMCE introduce a relixión como doutrina de obrigado cumprimento e oficializa a segregación por cuestión de sexos. O Opus Dei salta de ledicia.

Gobernando en contra da lingua galega

O decreto do plurilingüismo aprobouse contra todos os sectores da comunidade educativa. O TSXG sentenciou en contra dos elementos centrais do decreto: a enquisa vinculante as familias en Educación Infantil e a liberdade de elección da lingua vehicular dos alumnos nas materia impartidas en galego.

Os departamentos de normalización lingüística baixo mínimos.

O profesorado dos CELGA en precario e lamentando a actitude da Xunta.

Privatizando e precarizando a Formación profesional.

Galicia conta con 23 Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP). Con formas antidemocráticas seguen os procesos de conversión dun modelo burocratizado, privatizador, sen participación dos docentes.

Alemaña como inspiración. A FP Dual precariza e permite malas prácticas laborais. Por exemplo, Coremain SL, unha empresa que despediu a 10 traballadores aproveitando as facilidades que ofrece a Reforma Laboral estabeleceu, mediante este convenio, 15 novos contratos de aprendizaxe con estudantes de FP e salarios miserables.

Selección de alumnado á carta

O novo decreto de admisión do alumnado  permite que os centros outorguen un punto do baremo en función dos seus propios criterios e posibilita, na práctica, que se primen con esta puntuación estar de acordo co ideario do centro, ser irmán, fillo ou neto de exalumno ou colaborador como catequista.

Coa LOMCE volvemos á Idade de Pedra da Educación

Unha Lei centralista, clerical, antidemocrática, privatizadora, acientífica, clasista, segregacionista e reaccionaria.

O PP devólvenos á Idade de Pedra cunha lei que permitirá a selección de profesorado segundo os gustos da dirección. Antidemocrática, ataca a igualdade de oportunidades e establece a competitividade como principio educativo. O ensino vólvese unha carreira de obstáculos.

A maioría social pagará dúas veces o comedor escolar

O Goberno da Xunta traspasou todos os limites rematando co dereito universal ao ensino básico gratuíto.

As clases populares, abafadas polos recortes, pagarán dúas veces o comedor escolar: cos seus impostos e co repago. Unha familia monoparental cuns ingresos de 1002 euros ou unha familia de dous proxenitores cuns ingresos de 751 euros terán que pagar a comida do seu fillo ou filla nun contexto en que o 23% das familias están en situación de pobreza e un de cada cinco nenos pasa fame en Galicia.

A convivencia escolar: improvisación e desleixo

Os problemas de violencia e convivencia escolar coñecidos este curso sufriron o desleixo da Consellería de Educación. O caso acontecido en Vigo, por caso: transcorridos mais de tres meses e despois de que unha familia denunciara a agresión sufrida polo seu fillo, este rematou o curso sen ser escolarizado. Isto é unha clara mostra desta situación.

Despois das denuncias de AGE, a consellería anunciou un protocolo de prevención e intervención do acoso escolar, de costas a comunidade educativa e sen contar coas achegas dos Observatorios da Convivencia Escolar, organismos que sofren unha absoluta parálise e se atopan en vía de desmantelamento.

Universidade: menos bolsas, nova lei e máis universitarios e investigadores obrigados a emigrar

Máis de 1000 estudantes galegos este ano non son quen de pagar as  matriculas da súa carreira, ao tempo que o ministro Wert pretende endurecer as condicións de acceso a unha bolsa universitaria.

O Goberno Galego aprobou en solitario a nova Lei do Sistema Universitario de Galicia, que adapta a Universidade galega ao Espazo Europeo de Educación Superior e ao Plan Boloña, facilitando a creación de universidades privadas e rematando coa suficiencia financeira e coa independencia da universidade mediante o financiamento externo e por resultado

Un escenario de futuro dramático no que  milleiros de mozos e mozas se ven na obriga de emigrar, ao igual ca un gran numero de investigadores formados no noso pais, aos que se lles rouba o seu futuro.

Desmantelamento da Escola Rural

Peche de 22 escolas rurais máis. Nos catro últimos cursos a dereita pechou 90 escolas en Galicia, limitando de xeito grave o acceso a un ensino de calidade dos nenos e nenas  galegas residentes no medio rural e contribuíndo ao seu progresivo despoboamento.

Compostela, 12 de xullo de 2013

Ramón Vázquez Díaz e Xabier Ron Fernández (Deputados do G.P. da AGE)

 

 

 

Relacionados