A devandita declaración constitúe unha iniciativa inédita na política coruñesa que esperamos sexa seguida polo resto de cargos públicos do Concello.
Esquerda Unida, fiel ao seu compromiso coa transparencia, fai público os ingresos do seu concelleiro na Coruña. Así segundo consta no certificado expedido polo Oficial Maior do Concello o importe total correspondente ao exercicio 2011 ascende a 5580 € por asistencias a 10 Plenos e 11 Comisións a razón de 360 € e 180 € respectivamente.
O voceiro de EU-V, César Santiso, anunciou a doazón do 25% dos seus ingresos como cargo público, nunha demostración de coherencia, “porque facemos o que dicimos e cumprimos co noso programa no que apostábamos por unha redución do 25% dos emolumentos dos cargos públicos, posición que defendemos no Pleno, máis ningunha outra forza política apoiounos. Así pois, a cantidade doada polo concelleiro de EU-V ascende a 1395 euros.
César Santiso recordou que na súa primeira comparecencia pública, logo do histórico éxito nas eleccións municipais ao acadar representación, anunciou a súa renuncia expresa á dedicación exclusiva que lle correspondería como voceiro do grupo municipal e que suporía un salario superior aos 50.000 €, o dobre do que percibe polo seu traballo como empregado público na Deputación da Coruña.
Noutro orde de cousas, Santiso agradeceu ao tecido asociativo así como a outras entidades coruñesas a atención que están a prestar ao seu grupo municipal, ao tempo que pediu desculpas por non poder atender todas as solicitudes de presenza en actos protocolarios e lembrou que é o único cargo público do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes e que ten que compaxinar o seu traballo profesional coas labores de cargo público “Nin que dicir ten que sempre me decantarei por resolver un problema a cidadanía antes de acudir a un acto protocolario”. Asemade informou que, por cuestións de ética, a presenza en actos protocolarios limitarase ao acto en si, sen participar nas posteriores comidas ou ceas. O concelleiro quixo así saír ao paso de posibles malinterpretacións cando rexeita o convite a unha comida o cena. “acudirei ao acto, mais non quedarei á comida ou cea. Os cargos públicos estamos para servir a cidadanía, non para servirnos dela e xantar a súa costa”.