Esquerda Unida lanza a campaña “defender a alegría, organizar a rabia” para chamar a atención sobre os problemas da mocidade. Os menores de 25 anos parados na Galiza son un 49,7 %. No último ano esta cifra subiu un 34,2 %, un aumento moi alto en relación ao 5,7% que de media no Estado español.
Non sorprende o entusiasmo co que a chanceler Angela Merkel aplaude as medidas tomadas nos últimos días polo Presidente do goberno en relación ao emprego xuvenil. A Área de mocidade de Esquerda Unida non comparte a euforia, e destaca que pretender botar as culpas do paro á mocidade é esquecer a realidade dun modelo económico abocado ao fracaso. Coa súa cegueira, o goberno central e autonómico, condenan a mocidade a máis paro e unha precariedade perpetua.
O tristemente coñecido fenómeno da emigración asoballa de novo a mocidade galega. Galicia foi a Comunidade Autónoma con máis emigrantes en 2012. É a mocidade o segmento social que máis está a sufrir esta lacra. EU defende a necesidade de asegurar unha vida digna á mocidade sen necesidade de fuxir do país.
O coordinador da Área de mocidade, Jorge Crego, presentou a campaña acompañado pola coordinadora nacional de eu, Yolanda Díaz e o responsable de comuniciación, César Santiso. Unha campaña que baixo o eixo da crítica ao sistema capitalista e ao modelo político instaurados dende a transición, pretende chamar a atención sobre os problemas que afectan á mocidade do país e denunciar a acelerada destrución das conquistas sociais do movemento obreiro e a crise xeralizada do réxime.
Durante o mes de marzo a campaña centrarase nos recortes en Educación. O Parlamento galego está a traballar estes días no proxecto da Lei do Sistema Universitario de Galicia. Este texto amosa ás claras o intento de desmantelar a pouca democracia e independencia que as Universidades galegas mantiñan. A submisión da Universidade aos intereses das grandes empresas é manifesta. Os recortes en educación impiden á mocidade seguir formándose. Como exemplo, a Orde de 14 de feberiro emitida polo Conselleiro de cultura, que suprime estudos de mestrado para o próximo curso.
Yolanda Díaz indicou que “un país no que máis da metade da mocidade está en paro está avocado ao fracaso”, mentres Jorge Crego salientou “fronte as políticas irresponsables dos diferentes gobernos tanto do PP como do PSOE a área de mocidade de EU aposta por organizar unha resposta porque a solución da crise pasa pola implicación cidadá, a organización desta e a loita por rachar cunha política afastada das necesidades da sociedade”.