De aprobarse finalmente unha lexislación nestas condicións, España situaríase á cola de Europa en materia de dereitos sexuais e reprodutivos e de acceso ao aborto. Neste sentido, O grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes denuncia e oponse á intención do goberno do PP de recortar a lei de interrupción voluntaria do embarazo sen contar con apoio social algún.
Os dereitos sexuais e reprodutivos son parte integral dos dereitos humanos e garantir o seu goce é indispensable para alcanzar o benestar físico, mental e social. A reforma anunciada polo goberno central non respecta os acordos e convencións internacionais sobre saúde e dereitos sexuais e reprodutivos. O informe do relator especial do Consello de Dereitos Humanos recolle que as leis penais que castigan e restrinxen a interrupción voluntaria do embarazo son unha barreira inaceptable que impide ás mulleres exercer o seu dereito á saúde, e polo tanto, deben eliminarse. Asemade, atentan contra a dignidade e autonomía das mulleres ao restrinxir a súa liberdade para adoptar decisións que afectan a súa saúde sexual e reprodutiva.
Esquerda Unida participa na xuntanza convocada pola plataforma en defensa do dereito ao aborto para colaborar nas accións previstas a nivel comarcal.
Despois de anos en loita o goberno do PP quere retroceder no avanzado a pasos de xigante, o que resulta en todo caso intolerable. Non esquezamos que foron moitas as mulleres que morreron en abortos clandestinos, detidas, encausadas e xulgadas. Outras pasaron cárcere xunto con profesionais da sanidade. Foron moitas as que por non poderen interromper o seu embarazo tiveron que enfrontarse a maternidades non desexadas. Dor, humillacións e clandestinidades a grande maioría. Esta batalla nunca rematou, pero agora máis que nunca ante un ataque de tales características cómpre aunar forzas.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “urxe mobilizarse ante un problema que nos afecta a todos porque se trata dun novo recorte de dereitos. É necesario que se respecte o dereito das mulleres a decidir libremente sobre cuestións relacionadas co seu propio corpo”.