Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida subliñou que “hai que cumprir e facer cumprir as disposicións en materia de normalización lingüística aprobadas por todas as Corporacións democráticas até agora”. Normas que van dende a ordenanza de normalización lingüística até ao Plan de Normalización da nosa lingua, que busca espallar por todos os relanzos da vida social ferrolá, e que constitúen no eido local a plasmación do consenso democrático e das normas aprobadas no Parlamento Galego dende a fin da ditadura franquista. Neste eido, Yolanda Díaz salientou o traballo desenvolvido polas Comisións de traballo do Consello Municipal da Lingua no tempo en que se puxeron en marcha baixo o impulso de Javier Galán, insistindo no valor da súa continuidade e extensión.
Para Esquerda Unida se non se quere defender a lingua e cultura galegas hai que cambiar toda a lexislación; do contrario estamos a despeñarnos polos carreiros antidemocráticos, que son os únicos nos que periga o galego. So durante os reximes ditatoriais, en particular durante o franquismo, se atacou ao galego. O noso Grupo reclama do PP que non se sume aos coros interesados da ultradereita que tenta rachar consensos democráticos e construír unha guerra cultural na que somentes vai sufrir a nosa lingua e cultura.
Esquerda Unida fai un chamado ao Goberno para que amose con feitos o seu compromiso co galego, cun orzamento axeitado ás necesidades do proceso normalizador cara o orzamento de 2012, e co pulo á comisión de traballo do Consello Municipal da Lingua seguindo o regueiro de traballo posto en marcha por Javier Galán.