Defensa ría do Burgo

 

A concentración estaba convocada nun principio para celebrarse na Praza de Praterías, pero a subdelegación do goberno, o día anterior, venres, comunicou aos convocantes que se negaba a autorización para a celebración da concentración nesa praza. Finalmente a plataforma foi autorizada a facer a concentración na Praza do Toural, obrigando aos organizadores a cambiar o que xa estaba planificado cos contratempos que iso supón.

 

Para Esquerda Unida esta actitude semella unha intención da subdelegación do goberno de silenciar as denuncias do lamentable estado no que se atopa a ría coruñesa e as reivindicacións dun plan integral de saneamento desenvolvidas pola Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo.

 

O acto, ao que acudiu unha comitiva de Esquerda Unida na que destacaba a presenza do responsable nacional de medio ambiente, o coordinador local de Cambre e os concelleiros de Esquerda Unida en dito municipio, transcorreu con total normalidade. Preto de cen persoas despregaron varias pancartas reivindicativas, amosaron fotografías do lamentable estado no que se atopa a Ría do Burgo e repartiron panfletos informativos entre os peóns.

 

O problema viu despois: Unha vez rematado o acto, un grupo de unhas 30 persoas que participaran na concentración entre as que nos atopábamos membros de Esquerda Unida, acordou ir á Praza do Obradoiro, coas pancartas pregadas e sen corear ningún tipo de consigna, a facerse alí unhas fotografías en grupo. Cal foi a nosa sorpresa cando, nada máis chegar alí, fomos abordados por un grupo de sete ou oito Policías Nacionais que nos obrigaron a dispersarnos.

 

Este feito, xa noxento de por si, aínda o é máis cando se produciu nunha praza que estaba chea de xente concentrada e para máis, preto de nos se atopaba un grupo de unhas 50 persoas ou máis portando bandeiras e coreando consignas (ao parecer relixiosas) que non foron para nada molestados pola policía. Ao parecer éramos nos, que non estábamos alí de festa, se non que estábamos reclamando un mínimo de respecto polo noso entorno, os únicos que molestábamos.

 

Dende Esquerda Unida queremos manifestar o noso rexeitamento a este comportamento represivo das forzas de seguridade do Estado e recordamos que o último responsable de estas actuacións é o goberno do PSOE, que ao parecer, non contento con atacar aos dereitos dos traballadores, tamén lle gusta facer gala dun comportamento propio do “nacional-catolicismo”.

Relacionados