Defensor do pobo?

 

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, declarou  que “semella que vivimos no mundo ao revés, preténdese facer defensor do pobo a unha persoa que cometeu innumerábeis irregularidades urbanísticas, que incumpriu a lei reiteradamente en canto ao topónimo da cidade e que mantén posicións intransixentes en temas como o aborto ou os matrimonios entre persoas do mesmo sexo”.

 

A xuízo de EU o exalcalde da Coruña carece dos méritos e preparación necesarios para desenvolver un cargo de tanta relevancia en canto a defensa dos dereitos da cidadanía. Asemade de non reunir os requisitos necesarios en canto a xustiza, equidade e neutralidade. Xa que logo, Esquerda Unida rexeita de plano que Francisco Vázquez ocupe o cargo de defensor do pobo.

 

Por outra banda, o consello comarcal de EU Coruña considera incoherente a postura do PP coruñés, con Negreira a cabeza, que por un lado atacan ao actual alcalde polas irregularidades cometidas cando era concelleiro de urbanismo máis por outro avalan ao que naquel entón era o alcalde é máximo responsábel. Semella entón que as denuncias que está a desenvolver o grupo municipal do PP ten máis que ver con fins electoralistas que coa intención de conseguir un concello limpo e transparente, o que ven a significar un grave engano aos coruñeses e coruñesas.

 

Neste sentido, César Santiso declarou que “co aval a Francisco Vázquez como defensor do pobo, o PP coruñés está a transmitir unha clara mensaxe: cando gobernen farán o mesmo tipo de políticas irregulares e caciquís que o exalcalde”.

Relacionados