Sari Alabau, concelleira do Grupo Municipal, e Suso Basterrechea, membro da candidatura municipal de EU, sostiveron unha reunión coa directiva da Federación onde trataron polo miúdo a situación das actividades extraescolares, cuxa falla deixa en evidencia o déficit de xestión da concellería de educación. A nosa organización reclama que se arranxe este baleiro neste mes de febreiro.
A nosa organización comparte a inquedanza e esixencia da Federación encol dos comedores escolares da cidade. Esquerda Unida considera indispensable facer as xestións e mobilizacións oportunas para garantir que a Consellaría de Educación se faga cargo de xeito directo dos mesmos. Nese senso temos que reclamar unha actitude outra da concellería de educación para sumar forzas e esforzos para que a presión social da nosa cidadanía obrigue á Xunta a asumilos. Iniciativa e mobilización semellan necesarios para cambiar a inacción oportunista da Xunta de Galicia neste eido e así o recamamos dende EU.
Esquerda Unida agarda unha pronta convocatoria do Consello Municipal de Educación para abordar de maneira extensa e participada estas eivas que lastran o ensino público en Ferrol. Non se pode demorar máis a súa convocatoria.
Doutra banda Esquerda Unida trasladará ao Consello Municipal a conveniencia de proceder a unha revisión do mapa escolar da cidade, que o actualice en correspondencia coa realidade demográfica presente e poña como eixo de ordenación básico do mesmo aos centros públicos. Revisión do mapa escolar que formula a Federación. Tamén achegaremos a proposta de recuperar a sede da inspección educativa, o cal permite polos seus titulares un máis completo coñecemento da problemática escolar que lle é propia. Demandas peticionadas pola Federación.