Santiago de Compostela, 23 de maio de 2013.- Ao Partido Popular non lle importan nin os veciños, nin a súa saúde, nin o seu acceso a un ben básico como é a auga potábel. Volveuno demostrar esta mañá cando se negou a apoiar unha proposición non de lei (pnl) de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) que, respaldada polo BNG tras unha transacción, esixía demolición do encoro do río Umia. “Nin garante que non haxa enchentes nin garante a auga potábel aos habitantes da zona”, denunciou o deputado Juan Fajardo, “e as crises pola microcistite poden volver producirse”. Hai sete anos que a superficie da auga do encoro tínxese de verde por mor desta alga tóxica que prolifera en augas encoradas.
Malia a gravidade da situación, pola que os veciños da bisbarra protestan unha vez e outra dende que en 1995, con Fraga Iribarne na Xunta, o conselleiro Xosé Cuiña decidirá pechar as comportas do embalse, o PP só responde con ironías de dubidoso gusto e unha frivolidade de pasmo. “O conselleiro de Medio Ambiente sabe de sobra que existe un problema coa auga do río Umia que chega ás billas da cidadanía da zona, pero non fai nada para arranxalo”, engadiu Fajardo, “porque a situación do encoro do Umia é un exemplo máis de como o PP coloca un espazo público e un río que podía beneficiar aos veciños ao servizo dunha empresa privada”.