Dende o pobo agredido

A coalición convoca para o domingo en Santiago de Compostela un Acto Internacional co grego Alexis Tsipras (Syriza), a candidata Lidia Senra, os portavoces de AGE Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras, José Soeiro do Bloco de Esquerda portugués e o candidato da Esquerda Plural Willy Meyer

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2014.- “Un programa dende o pobo agredido e para o pobo agredido”. Así definiron os coordinadores da campaña electoral de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEE) as propostas coas que a coalición de esquerdas solicitará o apoio da cidadanía galega nas vindeiras eleccións ao Parlamento Europeo. Martiño Noriega, Rubén Pérez e Juan Martínez presentaron esta mañá, ante os medios de comunicación, os contidos políticos e sociais da candidatura encabezada por Lidia Senra  nun intre, en palabras de Noriega, “límite para o pobo galego agredido por este proceso de construción europea”.

Situar a nación galega nunha “internacional dos agredidos dos pobos do sur de Europa” e contribuír á “acumulación de forzas, á concentración de enerxías dende a esquerda e o respecto pola identidade de Galiza” é un dos puntos centrais dun documento programático que, en explicación de Juan Martínez, significa “ruptura e defensa das traballadoras e traballadores e das súas condicións de vida”. “O noso programa non pode ser amábel coas políticas dominantes nin cos seus responsábeis”, engadiu Martínez, quen se referiu ao texto acordado por AGEE (no documento anexo) “unha emenda á totalidade” da acción “das forzas responsábeis da crise”.

Razóns para a política de AGE en Europa, A fronte da esquerda transformadora como alternativa, Democracia e participación, Economía e emprego, Medio ambiente e ecoloxía social. Soberanía alimentaria e política agraria común, A Europa da cidadanía e dos dereitos, Cultura. Lingua e comunicación e mais A Europa da paz, da solidariedade e do internacionalismo son os apartados en que se divide o Programa Político e Social de AGEE.

Acto Internacional con Lidia Senra e Alexis Tsipras en Compostela

Rubén Pérez, pola súa banda, falou de “tempo de grandes alianzas políticas” para a esquerda do sur de Europa. Foi nese contexto que expuxo o Acto Internacional que este domingo -27 de abril- ás once e media da mañá xuntará en Compostela ao líder grego de Syriza e candidato a presidir a Comisión Europea Alexis Tsipras, á candidata de AGEE Lidia Senra, aos portavoces de AGE no Parlamento de Galicia Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, ao membro da dirección do Bloco de Esquerda portugués José Soeiro e mais ao candidato da Esquerda Plural ao Europarlamento Willy Meyer.

 

“Tsipras é un candidato á presidencia da Comisión Europea que pon dos nervios á famosa troika”, explicou Pérez, para quen “AGE tamén pon nerviosa a esa troika,  defende a soberanía popular e a soberanía nacional e debe estar neste capítulo das esquerdas do sur de Europa”. O acto compostelán deste domingo servirá, engadiu, para “festexar esa idea de entender a esquerda”, que supón, entre outras cousas, procurar puntos de encontro políticos contra o capitalismo neoliberal encarnado polas institucións europeas.

Relacionados