Denuncia LGTBIfobia

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida Compostela reafirmamos o noso compromiso na loita contra o heteropatriarcado e a LGTBIfobia que enferman e poñen en risco á nosa sociedade.

Este ano resultou ser moi duro, xa que foron varios os casos de ataques de carácter fascista-LGTBIfóbicos e foron varias as denuncias recibidas de comportamentos do mesmo estilo contra persoas do colectivo LGTBI. A todos estes debemos hoxe, por desgracia, sumar unha denuncia máis.

O pasado martes 19 de novembro na Facultade de Maxisterio, o profesor Domingo Neira García na materia de “Didáctica e profesión Docente” comezou un debate impensábel hoxe en día, posto que na súa exposición sobre unha temática proposta polo alumnado, a pederastia, chegou a identificar esta coa homosexualidade.

Ao longo da súa intervención na clase, que durou entre as 09:00h e as 10:30h desa mañá, o profesor Neira García fixo afirmacións do tipo que a “sociedade estaba enferma e engañada pola homosexualidade, un tema do que xa non se podía opinar”. Segundo o docente da USC, “os homosexuais carecían de hombría e non poden educar”, xa que “a homosexualidade era contaxiosa” e que por iso precisamente “tampouco se podía permitir a parellas do mesmo sexo a adoptar, posto que lles pasarían o seu mal aos seus fillos”. Tamén asegurou que “as mulleres lesbianas teñen un Cromosoma XXX”, o que explicaría o seu comportamento non normal.

Ademais disto, Neira García asegurou ter probas científicas e estudos que demostraban o que el exponía e non entendía que algunas persoas de entre o estudantado decidirán marcharse da aula, mentres que outros rebatían as súas absurdas afirmacións.

Non podemos obviar tamén que, como materia de estudo, o profesor obriga a usar básicamente unha publicación propia titulada “Didáctica para el Crecimiento Socio-personal”, onde ademais de comentarios de carácter homófobo como que incluir dentro de “desviacións condutuais a sodomía, o travestismo e as violacións”, unir a corrupción de menores coas “bodas gay” ou relacionar a zoofilia coa homosexualidade (todo isto na páxina 293 de dita publicación), fai tamén comentarios de tipo misóxino.

O estudantado denuncia estes feitos e sentirse farto desta situación, a mesma que lles obrigou a realizar unha recollida de sinaturas esixindo a toma de medidas por parte do Decanato da facultade, da Reitoría da USC e do Valedor do Estudante con respecto a este individuo.

Dende ALEAS-EU denunciamos esta situación, posto que non é a primeira vez que se realizan queixas ao respecto deste profesor na Facultade, sen que a día de hoxe se tomara algún tipo de medida ou sanción aos seus ataques e comentarios de odio. Ademais, denunciamos que a USC non teña un control serio das obras e temarios que o estudantado está a recibir nas clases, posto que a lectura deste libro nunca se debería ter dado na universidade pública.

Así, dende ALEAS-EU sumámonos ás esixencias do estudantado de maxisterio da USC e esiximos a expulsión de Domingo Neira García como docente da USC, posto que esta persoa non está capacitada nin debe seguir educando aos e ás Mestres do mañá.

Relacionados